A Deputación participa na creación do Foro Local para a Axenda Urbana Española
Por Oskar Viéitez
O municipalismo deu un paso adiante en Sevilla coa creación do Foro Local para a Axenda Urbana Española, órgano de colaboración no que participan 48 entidades da administración local das que só oito son deputacións.
Carmela Silva foi a única presidenta dunha administración provincial galega asistente, representando así ás deputacións xunto aos presidentes de Barcelona, Badaxoz, Girona e Granada, entre outras.
A xuntanza foi dirixida pola ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez e o presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero.
O mundo local non só esixe co nacemento deste foro un papel protagonista na xestión dos fondos Next Generation, senón tamén profundos cambios lexislativos en materia de financiación e capacidade para sacar os seus proxectos transformadores adiante.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, expresou o apoio ao proxecto da nova Lei de Vivenda e aliñouse coas voces que reclaman unha reforma da Lei de Bases de Réxime Local para dar pé a un novo xeito de entender o municipalismo, dotado de competencias, pero tamén de recursos económicos para atendelos.
Silva secundou tamén as propostas para modificar a lexislación estatal sobre o solo para evitar "o anacronismo" de que os Plans Xerais de Urbanismo queden anulados por meros defectos formais, como a falta dun informe ou a súa "insuficiente xustificación", como ten sucedido "en demasiadas ocasións" nos últimos anos.
'ÁGORA', DE NOVO EXEMPLO DE MODELO DE RECUPERACIÓN DO ESPAZO PÚBLICO
'Ágora', o proxecto do departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra co obxectivo de recuperar espazo público para as persoas, segue a espertar interese nos principais foros de debate sobre deseño urbano e será de novo exemplo para outras cidades e vilas estatais.
Tras o seu paso esta semana por Sevilla, Barcelona (este xoves) e A Coruña (o venres), será tamén protagonista no 'VI Encontro de Cidades para a seguridade viaria e a mobilidade sustentable. Cidades 2030' que se celebrará os días 21 e 22 de outubro en Zaragoza por ser considerada "unha boa práctica e experiencia de mobilidade sostible".
O deputado Uxío Benítez, participará no congreso xunto ao presidente da Comisión da FEMP de Mobilidade Sustentable, Alfonso Gil Invernón, e representantes dos concellos de Santander e Xixón, nunha mesa que abordará 'O reto da comunicación na nova mobilidade urbana'.
Relacionadas:
-
Carmela Silva destaca o poder transformador do municipalismo no foro local pola Axenda 2030
Por Redacción |
-
Carmela Silva reclama transparencia na repartición dos fondos europeos por parte dos gobernos autonómicos
Por Redacción |
-
Transición Ecolóxica aproba a Axenda Urbana de Pontevedra, un documento para optar a axudas europeas que recollerá demandas veciñais
Por Redacción |
-
A Deputación, anfitrioa do 25 Congreso Vyodeal, que reunirá en Pontevedra a expertos en mobilidade
Por Natalia Puga |
-
Uxío Benítez reivindica o espazo público como elemento de cohesión social
Por Redacción |
-
Carmela Silva no Foro Urbano de España: "Na Deputación sacamos adiante tódolos proxectos pactando cos 61 concellos da provincia"
Por Redacción |
-
A Deputación estará presente en dous foros en Mallorca e Sevilla sobre desenvolvemento sostible e axenda urbana
Por Redacción |