Dez persoas aprenden a usar o ordenador e internet na Lama
Por Redacción
O Concello da Lama acaba de poñer en marcha un obradoiro de iniciación ao manexo de ordenador e internet no que participan unha decena de persoas interesadas en recibir alfabetización informática e que, por distintas razóns, mantíñanse fóra do circuíto das novas tecnoloxías.
Os asistentes a este obradoiro aprenderán a crear un correo electrónico, obter unha vida laboral, solicitar permisos de queima, pedir os recibos do ORAL, cita no médico, selar o paro ou presentar de forma electrónica documentación diante de calquera organismo público. Ademais doutras ferramentas informáticas, acceso ás redes sociais e ás plataformas dixitais.
O curso, que está subvencionado pola Deputación de Pontevedra e o Concello da Lama, desenvólvese en dúas quendas nos locais do antigo edificio do Obradoiro de Emprego para manter o distanciamento social e as medidas sanitarias de prevención da covid-19.
O tenente de alcalde, David Carrera, realizaba unha visita á aula e felicitaba aos participantes nesta iniciativa formativa, sobre todo a aquelas persoas maiores que se esforzan por coñecer e aprender a utilizar as ferramentas informáticas e internet.
Carrera manifestoulles que a intención do Concello é seguir poñendo a disposición dos veciños e veciñas todos aqueles elementos que contribúan a súa formación e evitar calquera fenda tecnolóxica da que poidan ser vítimas, tendo en conta que o futuro vai da man dos ordenadores, os teléfonos intelixentes, as tablets e os diferentes dispositivos móbiles.