Vinte mulleres referentes para unha "reapertura de Óscar" da Escola de Igualdade María Vinyals
Por Natalia Puga
A Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación de Pontevedra terá a vindeira semana unha "reapertura de Óscar", en palabras da presidenta provincial, Carmela Silva. A responsable da institución, acompañada pola deputada de Igualdade, María Victoria Alonso, presentou este venres a primeira actividade presencial da programación, o primeiro Encontro Nacional de Políticas Públicas de Igualdade, que ten a inscrición aberta nesta ligazón.
A actividade terá lugar o xoves 14 e o venres 15 de outubro no Castelo de Soutomaior e ofrecerá 15 horas de debate sobre a actualidade e o futuro do desenvolvemento das políticas públicas e da igualdade. Daranse cita 20 mulleres referentes nos seus ámbitos e Carmela Silva destaca que "neste ano 2021 non se ten feito a nivel nacional nin internacional en Europa unhas xornadas desta calidade".
Esta reapertura da Escola confirma, para Carmela Silva, que a Deputación de Pontevedra é "a administración máis feminista de Galicia e unha das máis de todo o Estado" e con esta actividade afonda na loita feminista "para que a axenda das mulleres estea presente nas prioridades políticas".
O encontro está coordinado por Rosa Cobo Bedía, socióloga, escritora feminista e profesora da Universidade de A Coruña, e contará coa participación de referentes nos seus eidos como Soledad Murillo de la Vega, profesora de Socioloxía da Universidade de Salamanca; Beatriz Gimeno Reinoso, ex directora do Instituto de las Mujeres; Izaskun Landaida Larizgoitia, directora xeral de Emakunde-Instituto Basco da Muller; Nuria Varela Menéndez, directora xeral de Igualdade do Goberno do Principado de Asturias; ou Eva Istúriz García, directora xerente do Instituto Navarro para a Igualdade/Nafarroako Berdintasunerako Institutua.
Tamén estarán referentes a nivel político como Nuria Parlón, alcaldesa de Santa Coloma de Gramanet (Barcelona); Sandra González Álvarez, alcaldesa de Tomiño; Marta Giráldez Barral, alcaldesa de Meis; ou Silvia Buabent Vallejo, activista feminista, politóloga e experta en políticas públicas en materia de igualdade e violencia de xénero, tamén ex directora do Instituto das Mulleres.
Do mundo da Xustiza e o dereito estarán María Luisa Balaguer Callejón, catedrática de Dereito Constitucional da Universidade de Málaga; Paz Filgueira Paz, maxistrada especialista en violencia de xénero; e María Durán Febrer, directora do Instituto Balear da Muller .
Emelina Fernández Soriano, profesora titular de Comunicación Audiovisual e ex presidenta do Consello Audiovisual de Andalucía; Ana Bernal Triviño, profesora da Universidade Aberta de Cataluña e xornalista; María Xosé Porteiro García, directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega; Marta Cárdaba Plaza, do V Fórum de Política Feminista; Lidia Fernández Montes, militante feminista e doutora en Estudos Interdisciplinares de Xénero; Concha García Vázquez, presidenta da Plataforma del Feminismo Radical de Galicia; ou Lupe Ces Rioboo, activista feminista, completan a nómina de participantes.
As distintas mesas estarán moderadas por coñecidas comunicadoras, pois desde a Deputación son "moi conscientes" de que "é imposible ter efecto multiplicador das voces das mulleres reflexionando sobre os os nosos dereitos se non temos aos medios de comunicación ao lado". E tamén porque hai "moitas mulleres importantísimas nos medios de comunicación" que teñen unha perspectiva feminista. Nesta ocasión, serán María Varela, de Diario de Pontevedra; Lara Graña, de Faro de Vigo; Nieves Domínguez de Amil, de La Voz de Galicia; María Obelleiro, de Nós Diario; e Ana Fuentes, do Consorcio Zona Franca de Vigo.
A iniciativa recolle a filosofía da loita feminista da Deputación Provincial, na que Carmela Silva recorda que "queremos que se mellore a Lei de Violencia de Xénero, queremos a abolición da prostitución, queremos a prohibición dos ventres de alugueiro, queremos rachar coa fenda salarial, queremos que as mulleres estean representadas nas palestras, queremos que nos libros de texto aparezan mulleres científicas, artistas, escritoras...".
"Non hai nada parecido en todo o estado español, desde logo non en Galicia", presume, e tamén anuncia un novo proxecto de formación en debates teóricos e axenda política feminista, un curso en liña tamén coordinado por Rosa Cobo dividido en oito sesións entre o 21 de outubro e o 9 de decembro que ten 100 prazas.
Relacionadas:
-
Un estudo desvela que só o 26 % das mulleres do audiovisual galego ocupan postos directivos
Por Redacción |
-
O Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 denuncia a pasividade das grandes corporacións ante a misoxinia en internet
Por Oskar Viéitez |
-
Novo programa de igualdade da Deputación dirixido ás asociacións
Por Redacción |
-
Manifesto "histórico" nun cumio reivindicativo de mulleres escritoras e feministas no Castelo de Soutomaior
Por Redacción |
-
O 'I Encontro Nacional de Políticas Públicas' pecha o pano cunha crítica ao sistema xudicial e ás desigualdades
Por Redacción |
-
"O negacionismo crece porque cada vez se senten máis fortes. Hai un discurso político que os lexitima"
Por Redacción |
-
Unha viaxe pola vida de Emilia Pardo Bazán, nos xardíns da Deputación
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Fernández de la Vega e Teresa Ribera reivindican o protagonismo das mulleres na Axenda 2030
Por Oskar Viéitez |
-
O liderado feminino e as cidades sostibles, a debate este xoves na Escola María Vinyals
Por Redacción |
-
Destacadas referentes na xestión pública reivindican a "imprescindible" voz das mulleres nas administracións
Por Oskar Viéitez |