Os comuneiros de Salcedo e San Xurxo de Sacos organizan actividades abertas á veciñanza
Por Oskar Viéitez
Os comuneiros de Salcedo e San Xurxo de Sacos organizan actividades abertas á veciñanza
No caso da Comunidade de Montes veciñais en Man Común de Salcedo ten prevista para a mañá do domingo día 10 de outubro, unha andaina para dar a coñecer as actuacións desenvolvidas nos seus montes comunais e o patrimonio que conteñen (forestal, arqueolóxico, etnográfico e cultural) "co ánimo de aprender a camiñar por eles respectando todos os seus elementos e na procura de facer deles lugares mais acolledores e sostibles".
A convocatoria está aberta a toda a veciñanza comuneira e demais persoas amantes da natureza, facendo un especial chamamento os rapaces.
Na visita ao Monte San Martiño, supervisarán a repoboación feita en Outeiro das Apañadas e a limpeza do petróglifo, os traballos levados a cabo no Chan da Lagoa e nas Cabanas Prehistóricas, a limpeza do arboredo do Vello e Carrasqueira e a recuperación de sendeiros nas ladeiras do regato do Cubela, así como a colocación de tubos para recoller escorrentías e repoboación da superficie en zona Pozos de Méndez.
A andaina rematará cunha muiñada nos muíños do Outeiro, preto do punto de saída con entrega de unha bolsa de fariña de millo se o caudal do río o permite.
SAN XURXO DE SACOS
A Comunidade de Montes en Man Común de San Xurxo de Sacos organiza unha ampla programación de actividades culturais.
Se o pasado sábado a Casa do Pobo de Cutián acollia unha charla sobre "A problemática da eucaliptización en Galicia" este sábado 9 outubro, ás 20:30 horas, na Casa do Pobo de San Xurxo e con entrada de balde o historiador Dionisio Pereira falará de "Vítimas e vitimarios da Guerra Civil Española nas terras de Cerdedo-Cotobade".
Para o sábado 16 outubro, ás 20:00 horas, na Casa do Pobo de San Xurxo a investigadora da Universidade de Vigo, Noelia Amado Corbacho, dará unha conferencia sobre "Democracia e Comunicación: palabras clave no discurso político actual".
A comunidades de montes tamén organiza un roteiro aos petróglifos do Lombo da Costa. O doutor en Historia, Manuel Reboredo, guiará este roteiro que terá lugar o sábado 23 de outubro ás 18.00 horas, con saída desde o cruce da N-541, baixada ao San Xusto.
O sábado 30 outubro, ás 20:00 horas, a Casa do Pobo de Cutián acollerá unha ponencia sobre "O termalismo" a cargo de Soledad Zafra, médica de familia.
O sábado 6 novembro, ás 20:00 horas celebrarase un magosto na Feira de Cuspedriños
E, por último, o sábado 13 novembro, 20:00 horas na Casa do Pobo de San Xurxo o libreiro Eladio Argibay Fariña falará da "Vida e obra de Fray Martín Sarmiento".