Pavimentan tres camiños municipais na parroquia de Loureiro
Por Redacción
Os tres camiños municipais na parroquia de Loureiro, en Cerdedo-Cotobade, que se atopaban en malas condicións, xa están pavimentados.
Segundo informaron desde o Concello, a actuación consistiu na reposición duns 300 metros de firme en quente, tendo en conta os accesos ás vivendas, que quedaron mellorados, as entradas aos garaxes e lugares de paso.
As obras están enmarcadas dentro do operativo do goberno municipal para mellorar os núcleos rurais e así facilitar a accesibilidade e o uso dos camiños e viais do municipio.
Concretamente, a realizada no Igrexario consistiu no saneamento dos accesos e a eliminación de fochancas e charcos que, "coa chegada da temporada invernal, supoñían un grave problema para os residentes neste núcleo rural", indicou o alcalde, Jorge Cubela.
Concientes de que "non podemos chegar a todos os lugares ao mesmo tempo", Cubela pide "paciencia" á veciñanza porque a súa intención é "seguir atendendo a un ritmo sostido todas e cada unha das peticións veciñais que nós asumimos como propias".
"Hoxe estamos no Igrexario, en Loureiro, pero o noso compromiso é seguir resolvendo todas e cada unha das peticións que temos nos diferentes núcleos rurais", concluíu.