Portas celebrará o tradicional 'Xantar da terceira idade' o 12 de outubro
Por Redacción
Coa mellora da situación sanitaria, os concellos do municipio están empezando a recuperar a súa normalidade previa á pandemia. Un deles é Portas, que celebrará a 28 edición do seu 'Xantar da terceira idade' o vindeiro 12 de outubro.
Será no pavillón municipal de deportes e poderán inscribirse todos os veciños maiores de 61 anos, empadroados no municipio e que teñan o certificado da vacuna contra a covid-19.
O evento comezará ás 12:00 horas cun concerto da Banda de Música de Lantaño. Ás 13:00 horas haberá unha misa de campaña e despois continuará a música. Na sobremesa, un humorista e un mago ofrecerán un espectáculo para amenizar aos comensais.
"A xente ten gañas de verse, de volver recuperar as súas celebracións, as súas actividades, e ir pouco a pouco volvendo a vivir en liberdade e con seguridade", destacou o alcalde, Ricardo Martínez. "A celebración desta actividade vén a representar a recuperación simbólica da normalidade despois das restricións por mor da pandemia".
Ademais, a concelleira María Jesús Fontán anima a toda a xente que queira participar que se anote porque será "un reencontro moi especial para todos".
Para facilitar a asistencia, a organización habilitou o teléfono 662 62 04 85 para facer a reserva. O prazo é ata o luns.