Poio entrega á cidadanía o compost producido nos centros comunitarios de San Salvador
Por Redacción
A mestra composteira do Concello de Poio vén de facer entrega á veciñanza de sacos e bolsas de compost resultante do tratamento que se realiza nos centros de compostaxe comunitario dos que dispón a parroquia de San Salvador.
O pasado xoves procedeuse a realizar as entregas no recipiente situado no parque Rosalía de Castro, no lugar de Ferreirós.
A doazón deste fertilizante natural é unha realidade, precisamente, grazas ao éxito que está tendo este servizo no que á utilización por parte da cidadanía se refire. Está a piques de cumprirse un ano da posta en marcha do composteiro comunitario de Ferreirós.
Ao longo do 2020 e de 2021 foron habilitándose outros dispositivos noutras zonas de San Salvador, como é o caso de Rúa Valiña ou na Caeira. De cara ao futuro, a intención do Concello é a de continuar habilitando estes centros noutros núcleos, ademais de fomentar a entrega de recipientes individuais.
O fertilizante natural ofrécese a toda a veciñanza de xeito gratuíto, dándolle prioridade ás persoas que son usuarias habituais destes centros.
Para dispor del, basta con poñerse en contacto telefónico coa mestra composteira, a través do número de teléfono 604025288, en horario de 8.30 a 14.30 horas. Os solicitantes poden especificar que cantidades precisan. Este servizo é gratuíto, se ben os usuarios e usuarias deberán devolver os sacos limpos ou repoñelos en caso de que sufran algún estrago.