Poio pechou setembro con niveis de ocupación turística de prepandemia

Por Redacción
A boa tónica que Poio mantivo durante todo o verán na chegada de visitantes continuou durante o mes de setembro. Así o revelan os datos de ocupación turística, que acreditan que o 50% das prazas dispoñibles no municipio estiveron ocupadas.
Os rexistros resultaron "especialmente positivos" durante a primeira quincena, superándose o 60%, o que se traduce en case o dobre de reservas con respecto ao mesmo período de 2020, segundo destacou a concelleira de Turismo, Silvia Díaz.
A edil recordou ademais que hai que ter en conta que a partir da segunda quincena o turismo familiar decae, co inicio da tempada escolar e algúns establecementos cesan xa a actividade nestas datas, polo que estes datos son aínda máis positivos.
Iso si, na maior parte dos establecementos, sobre todo os que se sitúan nas proximidades nos núcleos urbanos do municipio e que traballan fundamentalmente con excursións e viaxes de grupos, a actividade manterase ata a conclusión da próxima ponte festiva.
Unha vez rematado o verán, os esforzos do goberno municipal centraranse na consolidación de Poio como destino de referencia ao longo de todo o ano.
"Temos claro que o noso municipio conta con puntos de interese e atractivos desde o punto de vista da natureza, gastronómico e patrimonial o suficientemente importantes para fomentar a desestacionalización e o turismo de proximidade", sinala a responsable de Turismo.
Esta será unha das cuestións que se abordarán nunhas xornadas sobre promoción turístico que se desenvolverán antes de que remate o ano. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Concellería de Turismo e que está destinada a profesionais da hostalería e da restauración.
Relacionadas:
-
A Concellería de Turismo impulsa o proxecto 'Descubre Poio' para profesionais do sector
Por Redacción |
-
Poio contará cunha web turística
Por Redacción |
-
Agosto deixa en Poio os mellores datos turísticos do último lustro
Por Redacción |
-
Poio encara a última semana de agosto rozando o 90% de ocupación turística na primeira quincena
Por Redacción |