Conduce drogada por A Illa cun bebé dentro do coche
Por Redacción
Unha muller de 38 anos, veciña do municipio coruñés de Carballo, foi denunciada pola Policía Local da Illa de Arousa por conducir baixo os efectos das drogas e facelo ademais acompañada dun bebé de escasos meses, que ía con ela no coche.
Os feitos sucederon onte venres, sobre as dez e media da mañá, segundo informou o corpo municipal, que recibiu a chamada dunha persoa que alertaba da presenza dun coche zigzagueando e invadindo o carril contrario na ponte de entrada á illa.
O vehículo ía ademais, advertía esta testemuña, a unha velocidade anormalmente reducida e a súa condutora ía increpando aos demais usuarios da ponte, poñéndoos en risco.
Despois de que este cidadán comunicase os datos do coche e da matrícula, os axentes comezaron a buscar á condutora polo municipio e atopárona dirixíndose cara á zona do porto de Xufre, ao outro extremo da illa.
A muller, tras ser parada pola Policía Local, negouse a identificarse e a realizar a proba de alcoholemia. No test de drogas, con todo, deu positivo en tres substancias diferentes. Non quixo facer unha segunda proba para remitir ao laboratorio.
Estes feitos son constitutivos dun concurso de delitos por presuntamente conducir un vehículo a motor baixo as influencias de bebidas alcohólicas -mediante a diligencia de signos externos que clarifican a súa actitude- e un presunto delito de negativa á realización de probas de detección de drogas.
Ademais, cursaranse dúas actas administrativas que serán remitidas á Subdelegación do Goberno de Pontevedra, unha por falta de respecto cara os policías, con multa de 100 a 600 euros; e outra por negativa a identificarse, sancionada con entre 601 e 30.000 euros.
OUTRO CONDUTOR POSITIVO EN DROGAS
Mentres se atopaban nesta intervención, os axentes observaron como outro coche, ao detectar a súa presenza, realizou unha parada sospeitosa nun illote.
Ao achegarse a el, a Policía Local comprobou que o condutor mostraba síntomas evidentes de atoparse baixo os efectos das drogas e deu positivo en cocaína e THC.
Ademais, o condutor carecía de permiso de conducir tras perder todos os puntos.
Será denunciado como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria e será sancionado coa perda de seis puntos e unha multa de 1.000 euros.
Relacionadas:
-
A primeira muller policía local da Illa de Arousa toma posesión do seu cargo
Por Raquel Currás Martínez |
-
Un veciño de Poio dáse á fuga dun control rutineiro de alcol e drogas: "No me hagas las pruebas, si me las hacéis me jodéis la vida"
Por Redacción |
-
Intervidos 4.248 quilogramos de cocaína nun pesqueiro venezolano que tiña como destino Galicia
Por Redacción |
-
Acaba detido tras suplantar a identidade do seu irmán ao dar positivo nun control
Por Redacción |