Acaba detido tras suplantar a identidade do seu irmán ao dar positivo nun control
Por Redacción
Un home de 35 anos, veciño da Illa de Arousa, foi detido pola Garda Civil tras suplantar a identidade do seu irmán despois dar positivo nun control de alcoholemia.
Os axentes decatáronse da manobra tras a denuncia presentada polo propio irmán, residente no municipio pontevedrés de Silleda, ao que lle notificaron un expediente sancionador por unha infracción de tráfico que, segundo alegaba, non cometera.
A información facilitada polo denunciante e as pescudas realizadas pola Garda Civil foron determinantes para concluír que fora o seu irmán o que facilitara os seus datos persoais ao ser sorprendido no control.
Este foi detido porque, ao ser identificado, os axentes comprobaron que, ademais de ter antecedentes por feitos similares, tiña tres reclamacións xudiciais pendentes emitidas por varios xulgados da Coruña.
Ademais do delito de usurpación de estado civil, ao detido investígaselle por outro delito contra a seguridade viaria, xa que cando foi interceptado pola Garda Civil conducía o seu coche a pesar de que xa non tiña puntos no seu carné de identidade.
As dilixencias instruídas entregáronse no xulgado de instrución número 2 de Vilagarcía.