Marín prevé renovar o viario das praias cun investimento de 1,8 millóns de euros
Por Redacción
Acometer unha mellora integral da mobilidade do que, segundo o Concello de Marín, é o seu sendeiro máis atractivo. É o que planea facer o goberno municipal co viario das praias. Están a traballar nun proxecto de remodelación no se que prevén investir 1,8 millóns de euros.
"Queremos crear unha senda mellor, na que conviva de verdade e con seguridade a xente que pasea, a xente que vai en bicicleta e o tráfico", explica a alcaldesa de Marín, María Ramallo.
Este proxecto formaría parte do Plan de Turismo Sostible de Marín, que presentou o Concello aos fondos dos Plans Turísticos de Sostibilidade en Destino, financiados a través dos fondos europeos Next Generation.
Os obxectivos deste proxecto serán a mellora integral do itinerario peonil-ciclista, dotándoo de seguridade, conectándoo coa rede que se vén de facer na Avenida de Ourense e mellorando todas as barreiras de accesibilidade que hai nos accesos ás praias ao longo do trazado.
A actuación completaríase coa colocación de aparcadoiros para as bicicletas.
Para que o carril bici sexa seguro, no proxecto abordarase que teña unha anchura abondo e con dobre sentido de circulación, cunha pavimentación resistente e que non sexa esvaradío.
Por outra banda, mellorarase a iluminación naqueles puntos nos que aínda non haxa iluminación LED, a pesar de que gran parte do viario xa foi renovado neste sentido.
O proxecto dividirase en dúas fases, unha inicial ata Mogor, "que probablemente é a que poderíamos executar no caso de acadar os fondos do Plan Turístico", segundo a alcaldesa, e unha segunda ata Aguete, para a que se seguirá buscando financiación.
Relacionadas:
-
A alcaldesa de Marín comprométese cos hostaleiros a promocionar o Vial de Praias máis aló do verán
Por Redacción |
-
Unhas piscinas naturais de auga salgada, próximo paso para unir Marín co mar
Por Alejandro Espiño |
-
O viario de praias pasará a ser dunha soa dirección e contará con lonas informativas
Por Redacción |