Limpan as marxes da estrada PO-531 e da variante de Marín
Por Redacción
Operarios da empresa pública Seaga están a desenvolver unha serie de traballos de roza e limpeza das marxes viarias das estradas galegas, entre elas a PO-531 e a variante de Marín.
Os traballos de conservación contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas, e a reforzar a seguridade viaria, pois a limpeza das vías aumenta a visibilidade e afasta da calzada animais como xabarís ou corzos.
En concreto, durante os próximos días continuarán estes labores na PO-531, nos tramos que hai en Vilanova de Arousa, Meis, Barro e Pontevedra; e na vía de altas prestacións VG.-4.4, Lourizán-Ardán, en Pontevedra e en Marín.
Estas actuacións, que se realizan a través da encomenda a Seaga, completan as que a Xunta realiza ao longo do ano mediante os servizos ordinarios de conservación de estradas.
Así, impúlsase a roza de vexetación de dominio público das estradas autonómicas e o apoio aos labores de conservación de zonas verdes en sendas peonís e glorietas.
O control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos proxectados eliminarán árbores que poderían caer á estrada en caso de temporal e evitarán que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas.