Sanxenxo confirma a recuperación do turismo cunha ocupación superior á ponte do Pilar pre pandemia
Por Natalia Puga
Toda Galicia e, en particular, o Concello de Sanxenxo, están a presentar estes días da ponte do Pilar bos datos de ocupación que confirman, tal e como sucedeu durante o pasado verán, unha recuperación do sector turístico despois a crise derivada da covid-19.
Tal e como sinalou este luns o vicepresidente primeiro da Xunta e responsable de Turismo, Alfonso Rueda, esta fin de semana xa viña con "boas expectativas" e en Sanxenxo superáronse, pois é "mellor case que no ano 2019".
Alfonso Rueda fixo estas declaracións con motivo da súa visita ao Pazo Quintáns de Sanxenxo para a sinatura dun convenio co alcalde, Telmo Martín, polo que a Xunta destina 150.000 euros á promoción turística da localidade, que ao ano pasado xa foi recoñecida como territorio de preferente actuación turística.
Esta ponte de outubro está sendo "excepcional", segundo Rueda, que considera que "o rexurdimento turístico de Galicia xa é unha realidade" e lembrou que as cifras de ocupación en Sanxenxo durante o vetán foron "espectaculares", superiores ao 90% en moitos momentos. Nesta ponte hai "cifras parecidas" tanto na capital turística das Rías Baixas como na afluencia de peregrinos que fan o Camiño de Santiago, con "chegadas similares este días as de que calquera día de agosto".
Rueda falou ante representantes do sector turístico e do goberno local de Sanxenxo e destacou que "Galicia é un destino seguro" e ofrece "todo o que busca o novo turista despois da pandemia". Sanxenxo é "o municipio turístico galego por excelencia" e insistiu en que o convenio que se asinou este luns e o proxecto que vai supoñer "seguro que servirá como referencia noutros sitios".
Este convenio permitirá seguir desenvolvendo turisticamente Sanxenxo, segundo Alfonso Rueda, "para que sirva como exemplo e como campo de probas do que queremos facer co turismo en Galicia". Así, está consolidado como destino turístico no verán, pero queren que sexa tamén destino o resto do ano e, para iso, van explotar as "posibilidades enormes" que Sanxenxo, as Rías Baixas e Galicia, indo un paso máis alá.
Sanxenxo elaborou un plan de actuación integral cunha serie de obxectivos cos que colaborará a Xunta con este convenio. Entre outros, está prevista a creación de rutas da natureza como alternativa complementaria á oferta de praia e de turismo náutico, impulsarán a Ruta do Padre Sarmiento e os sendeiros a pé e crearán unha rede de itinerarios a nado en augas abertas.
Telmo Martín agradeceu á Xunta este convenio que lles vai axudar a seguir sacando adiante unha idea do goberno local de a localidade tamén ten potencial como destino turístico de outubro a marzo, "poñer en valor que Sanxenxo é visitable os 365 días do ano", pois xa está "máis que consolidado" no verán como destino de sol e praia, pero notan "carencias nos meses de inverno".
Así por exemplo, no Pazo de Quintáns queren crear un centro gastronómico das Rías Baixas e potenciar tamén o patrimonio gastronómico, cultural e de paisaxes.
Relacionadas:
-
Convenio de 30.000 euros para desestacionalizar o turismo en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Sanxenxo segue gañando adeptos: a metade dos turistas de setembro estreábanse no destino
Por Redacción |
-
Sanxenxo sumou en agosto o 35% das pernoitas da provincia e o 15% de Galicia
Por Redacción |
-
As dúas primeiras rutas de nado en augas abertas do norte peninsular están en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Activan un plan para "afianzar" a Sanxenxo como un destino orientado ao turismo familiar e deportivo
Por Alejandro Espiño |