Reorganizan as terrazas en Méndez Núñez a pedimento dos hostaleiros
Por Oskar Viéitez
Fóra da orde do día da Xunta de Goberno celebrada este luns, foi aprobado un acordo para a reorganización dos veladores na praza de Méndez Núñez.
A portavoz do Goberno Local, Anabel Gulías, informou que "logo de recibir unha petición por parte dun dos locais da praza", os técnicos do Concello propuxeron unha nova reorganización dos veladores para este espazo, que "non varía demasiado da que hai neste momento", mais si permitirá un mellor aproveitamento da praza e dos lugares de paso.
A organización acordada coida as vías de acceso, mellorando o tránsito pola praza, e garda un distanciamento dos veladores cos elementos de mobiliario urbano que existen na praza: os bancos e a estatua de Valle -Inclán.
O Concello ten, a través da ordenanza de veladores, a posibilidade de buscar solucións para a optimización do espazo público en zonas cunha elevada carga destes.