Tres novos convites internacionais para expoñer o 'Modelo Pontevedra'
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra recibiu durante os últimos días tres convites de carácter internacional que serán sumados á axenda interna de eventos globais. Algúns deles, tal e como indicou este luns a portavoz do Goberno, Anabel Gulías, "contan cunha relevancia importante".
O primeiro deles é un convite a través da rede Placemaking Europe, que cristalizará nun encontro co Concello da Haia (Países Baixos), no que se debaterá arredor da saúde das cidades e o placemaking, e de como o aproveitamento do espazo público permite crear cidades máis sostíbeis e máis saudábeis. "Trátase, ademais, de seguir tecendo redes de comunicación con outros concellos para achar solucións a problemas que temos todas as idades, independentemente do seu tamaño", explicou Gulías. Terá lugar mañá, 12 de outubro, ás 18 horas, mediante videoconferencia. Poderá ser seguida en streaming.
O segundo convite, tamén de carácter non presencial, abre a porta a participarmos no COP 26 (Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático). O evento, que se celebrará en Glasgow, desexa a nosa participación o 10 de novembro por videoconferencia para expoñer unha cuestión básica: a reorganización dos espazos públicos, mais desde unha perspectiva feminista.
Por último, o terceiro convite —aínda sen estar claro se será presencial ou en liña— chega desde o Centro Cultural de España en Costa Rica. É un importante seminario sobre o repensamento da cidade. "O Goberno de Costa Rica ten un proxecto chamado Cidade Goberno, no que procura xuntar todas as entidades administrativas, para facer un proxecto que permita non só o achegamento da Administración á cidadanía, senón que tamén abra un debate de reorganización de espazos públicos", sinalou a portavoz.
A presencia de Pontevedra estaría xustificada á hora de falar dos procesos de transformación urbana que o Concello foi liderando. A cita contará coa presencia de varias ministras do Goberno de Costa Rica, directores técnicos, ou arquitecto José María Ezquiaga, entre outras personalidades. O evento será celebrado entre o 8 e o 10 de novembro.
Relacionadas:
-
Encontro de Lores en París para debater sobre o futuro das cidades
Por Redacción |
-
Pontevedra volverá ser "punto de encontro" para converter as Urbtopías en cidades posibles
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Lores avoga por superar o "medo ao cambio" para avanzar cara cidades sostibles
Por Redacción |