O novo parque de calistenia de Poio emprazarase preto do parque de Costa Xiráldez e xa ten permiso de Costas
Por Redacción
O novo parque de calistenia que proxecta o Concello de Poio en Lourido xa ten localización. Estará emprazado nas inmediacións do parque de Costa Xiráldez.
A concelleira de Deportes, Marga Caldas, deu a coñecer este luns o emprazamento e explicou que este proxecto poderá facerse realidade logo de que Costas do Estado dera o visto bo ao emprazamento, requisito indispensable para que poida ser unha realidade.
A actuación contará cun orzamento total que roldará os 24.000 euros, IVE engadido. Está previsto que no vindeiro Pleno ordinario do 26 de outubro se aborden unha serie de modificacións orzamentarias que permitirán a obtención de financiamento para o desenvolvemento de diferentes actuacións, entre as que se atopa a dotación destas instalacións.
Unha vez se aprobe a modificación orzamentaria, o Concello iniciará a tramitación para comezar coa instalación do parque de calistenia, que se adaptará totalmente á contorna.
Segundo consta no proxecto, o parque contará cunha extensión de máis de 150 metros cadrados, con capacidade para acoller a 10 persoas usuarias de forma simultánea.
Caldas Moreira lembra que coa posta a punto destas instalacións dan resposta a unha demanda veciñal e, ademais, continúa coa folla de ruta que o Goberno local se marcou á hora de apostar polo deporte como hábito saudable e de lecer.
Outra das cuestións que salienta a edil do BNG é a idoneidade do emprazamento dos novos aparellos. O feito de que se este parque se atope en Costa Xiráldez "servirá para completar a oferta de lecer" que a cidadanía se pode atopar nesta zona de Lourido, onde xa existe un área infantil, as praias de Lourido e Cabeceira e outros espazos moi utilizados.