O PP de Poio solicita a convocatoria do Consello de Participación Veciñal
Por Redacción
O Partido Popular de Poio esixirá no próximo Pleno que o Concello convoque o Consello de Participación Veciñal para involucrar ao tecido asociativo do municipio na xestión municipal.
Segundo os populares este órgano de participación foi paralizado "hai máis de 10 anos".
Trátase, asegura a edil popular Rocío Cochón, de cumprir coas medidas que "nos trasladaron as asociacións veciñais" nun encontro celebrado recentemente.
"É evidente que ao BNG, ao PSOE e a Avante Poio sóbranlles os veciños e os colectivos", acusou Cochón.
O Consello de Participación Veciñal é un órgano con representantes das asociacións e dos grupos da corporación que, segundo a normativa municipal, debería convocarse cada dous meses, asegura o PP.
Na súa moción o Partido Popular avanza tamén que pedirá ao goberno local que que informe e involucre ás asociacións facéndolles chegar as actas dos plenos, das xuntas de goberno, os proxectos de ordenanzas ou diferentes plans municipais.