Arde material de obra situado entre a Residencia de Maiores en construción e a igrexa Virxe do Camiño
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Os bombeiros do Parque de Pontevedra lograban evitar que se espallara o incendio orixinado na zona onde se depositan os entullos da contrución da nova Residencia de Maiores no recinto que ocupaba o antigo cuartel da Garda Civil na contorna de Loureiro Crespo e Casimiro Gómez.
As lapas iniciábanse minutos antes das 20.00 horas por causas que se investigan no espazo valado que normalmente é empregado para a entrada e saída de camións da obra, entre o edificio que se está a levantar e a parte traseira da Igrexa Virxe do Camiño. Ardían materiais de construción, plásticos, cartóns, palés e bidóns de pintura nas proximidades ao peche perimetral de pedra da nova instalación pertencente á rede de residencias Domus VI. Non se rexistraron danos persoais.
En arredor dunha hora os efectivos do Parque desprazados ata a zona lograban evitar a propagación do lume e que afectase ao templo. Na intervención participaban un condutor do camión, un cabo e un bombeiro, debido a que o resto do equipo de garda se atopaba á mesma hora atendendo outra situación de risco en Ponte Boleira debido á alarma veciñal pola presenza dun niño de avespas velutinas.
A tarde, ademais, comezara axitada debido a outro incendio de dous vehículos nas instalacións de Frigoríficos Mourente, segundo fontes do Parque de Bombeiros.
FALTA DE PERSOAL
Precisamente, os bombeiros amosan a súa preocupación pola escaseza de efectivos ante situacións de emerxencia. "Un día, en lugar dunha entulleira, é un xeriátrico, a igrexa ou outro sitio e entón teremos un problema serio", afirmaba un dos integrantes da dotación.
Afirman que existe un problema estructural no Parque desde hai anos e demandan un mínimo de persoal para atender con garantías no caso de que se produzan dúas situacións de riscos simultáneos no municipio.
Neste sentido, os representantes sindicais dos bombeiros demandan negociación co goberno local para tentar acadar un acordo. "Non podemos seguir sendo unha cidade capital de Europa e ter servizos como os dunha aldea", afirman.