O Concello espera inaugurar a reforma de Loureiro Crespo a finais de novembro
Por Oskar Viéitez
Nas próximas semanas plantaranse as árbores en todos os alcorques habilitados ao longo da rúa Loureiro Crespo. É o paso previo antes de inaugurar esta reforma "a finais de novembro".
Este mércores, no transcurso dunha visita ás obras que se acometen no barrio de O Castañal, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou que "non se poden plantar ata mediados ou finais de novembro porque logo non hai garantía de que prendan ben".
Fernández Lores destacou o "cambio substancial" que experimentou toda esta zona da cidade con esta reforma "cunha altísima calidade urbana".
"Facían falta", recoñeceu o alcalde respecto a estas obras, engadindo que "estamos a preparar unha inauguración cos comerciantes".
Con todo. a esta celebración non chegarán todas as obras rematadas porque continúan os traballos nalgunhas rúas perimetrais no barrio de O Castañal. "Isto vaise a atrasar un pouco máis", segundo o alcalde. A previsión que manexa o Concello de Pontevedra é que se conclúan a totalidade da reforma a principios do ano que vén.
Tal e como detallou o rexedor da capital, nestes viais "tamén teñen un cambio absoluto de servizos, pavimento novo, accesibilidade universal, nova iluminación, que tamén era necesario".
Ademais, a pequena rúa Amor Ruibal, que dá acceso ao barrio de Valdecorvos, quedará peonalizada por un problema cun terreo que pertence a unha unidade de actuación que está pendente de que se tramite e póidase facer a cesión correspondente.
"Estamos moi orgullosos de como está a quedar e da colaboración dos veciños á hora de executar a obra", concluíu Lores.