"Tristeza absoluta" no Museo pola aparición de pintadas nun dos seus edificios
Por Alejandro Espiño
O Museo de Pontevedra ten unha desagradable sorpresa nas súas paredes: unha gran pintada na fachada traseira do edificio Fernández López.
A pintada pódese ver desde A Ferrería, xa que se atopa no muro entre as rúas Pasantería e Laranxo.
A propia institución tacha de "tristeza absoluta" este acto vandálico contra un inmoble que, segundo lembran, está declarado como ben de interese cultural (BIC), polo que o seu grao de protección patrimonial debe ser elevado.
O Museo presentou este martes verbalmente a denuncia na Comisaría da Policía Nacional e na mañá deste mércores ratificouse por escrito. Desde a institución achegaron á denuncia fotografías da pintada dirixidas á brigada policial que leva os temas de danos ao patrimonio.
Desde a Dirección do Museo xa se deu orde para limpar esta fachada pero está a esperarse a que a Policía confirme que non necesita facer ningunha outra comprobación no lugar dos feitos nin tomar máis imaxes.