O Pleno municipal de Marín aprobará este xoves a nova ordenanza de terrazas
Por Oskar Viéitez
O Concello de Marín leva este xoves ao Pleno da Corporación para a súa aprobación definitiva a nova Ordenanza reguladora das licenzas de instalacións de terrazas.
O documento, que estivo a exposición pública, recibiu dúas alegacións, que foron desestimadas polo equipo técnico municipal. Despois foi tratada tamén na Comisión Informativa de Medio Ambiente, onde foi dictaminada favorablemente polos tres grupos políticos con representación na Corporación.
A concelleira Marián Sanmartín explica a importancia que ten esta nova ordenanza, "porque nos permitirá homoxeneizar a estética das nosas terrazas e mellorar en todo o posible o reparto do espazo público".
A súa aprobación é o broche final para toda unha serie de medidas de mellora que se aplicaron para o sector hostaleiro por mor da pandemia e que supuxeron, por unha banda, a duplicidade das mesas de terrazas dispoñibles, pasando dun total de máis de 300 a superar as 600 mesas. Estas ampliacións se fixeron sempre da man dos técnicos municipais e preservando os espazos para os peóns e "permitiron aos locais aumentar o número de mesas nas súas terrazas á vez que respectaban as limitacións de aforo".
Pero é que ademais, ese aumento non se viu traducido nunha maior carga fiscal para a hostalaría, porque o Concello tomou a decisión de eximir do pago desta taxa durante todo do 2020 e o 2021. En total, o Goberno local calcula que supuxo unha redución de 40.000 euros de recadación, "pero sabemos que foi unha medida que axudou ao sector no peor momento", e que se sumou a outras bonificacións fiscais aplicadas a todos os establecementos que nalgún momento tiveron que pechar pola situación sanitaria.
Con esta nova ordenanza, facilitarase o pago das taxas de pago de terrazas, xa que se poderá facer de maneira fraccionada a través do padrón fiscal. Esta taxa comezará de novo a pagarse a partir do 2022 despois de dous anos de exención, como se explicaba antes.
Valorarase moito máis a estética das terrazas, haberá maior variedade nas medidas das mesas e realizarase un control aínda máis exhaustivo para garantir que se cumpre coa normativa e non se dan situacións nas que non se respecte o espazo público para o tránsito de peóns.
Amplíanse os horarios de instalación e retirada das terrazas. A instalación ata agora era ás 09.00 durante a semana e ás 08.30 durante a fin de semana. Agora pasará a ser a partir das 08.00 todos os días. Sobre o peche, ata agora no inverno era á 01.00 durante a semana e ás 02.30 na fin de semana, e entre o 1 de abril e o 30 de setembro estes horarios ampliábanse ás 02.30 e ás 03.30 respectivamente. Coa nova ordenanza pasará durante todo o ano e todos os días ás 02.30 no caso dos bares e terán 30 minutos para a recollida.
O prazo de adaptación do sector para cumprir con todas as esixencias estéticas da ordenanza será de 2 anos desde a súa entrada en vigor. No que respecta ás novas licenzas, outorgaranse por un máximo de catro anos, aínda que deberán renovarse anualmente. Pasados eses catro anos, será preciso solicitala de novo, presentando toda a documentación.
A concelleira indicou que, pasado o Pleno da Corporación, manterá unha reunión con representantes do sector para entregarlles en man a ordenanza e explicarlles, punto por punto, as novidades da mesma e escoitar as súas dúbidas e demandas.
Relacionadas:
-
Marín xa ten o seu propio Plan Municipal de Emerxencias
Por Redacción |
-
A hostalería de Marín debe renovar a súa licenza antes do día 31 se quere manter a súa terraza
Por Redacción |
-
Abre o período de exposición pública e alegacións á ordenanza de terrazas de Marín
Por Redacción |
-
O BNG de Marín pide maior control para que as terrazas da hostalería non prexudiquen ao comercio
Por Redacción |
-
Aberto o prazo para realizar achegas á nova ordenanza de terrazas
Por Redacción |
-
A alcaldesa de Marín reúnese cos hostaleiros para informar da nova instrución de terrazas
Por Redacción |