O PSOE denuncia o "desprezo" co que a Xunta trata a Pontevedra nos Orzamentos para 2014
Por Oskar Viéitez
O borrador de Orzamentos Xerais da Xunta de Galicia para o ano 2014 confirma que Pontevedra ten por diante "un ano máis de absoluto desprezo e desatención por parte do Goberno galego". "Pontevedra, desgraciadamente, non está no mapa do PP", resume o tenente de alcalde e portavoz socialista, Antón Louro Goyanes que compareceu este martes en rolda de prensa xunto á deputada do PSdeG-PSOE no Parlamento galego, Patricia Vilán.
Para os socialistas estes orzamentos son "antisociais e só traen máis recortes" polo que consideran que coas contas da Xunta "resulta incompatible falar de indicios de recuperación e, ao tempo, presentar estas contas, nas que non se atenden nin sequera as necesidades máis urxentes dos veciños desta cidade".
Nesta listaxe dos proxectos para a comarca que o PSOE bota en falta Louro e Vilán enumeraron o saneamento do rural, diversas actuacións pendentes para a mellora da rede viaria, o desdobramento da estrada de Vilagarcía, a Variante de Alba, a segunda fase de Monte Porreiro, o dragado da ría, o Carlos Oroza, o Colexio de Valdecorvos, o edificio dos Xulgados.
Polo que sinalaron que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a carteira investidora por natureza, resulta "a gran ausente" pola súa "falta de inversión" o que traduciron nunha consecuencia directa "isto xerará máis paro".
HOSPITAL MONTE CARRASCO
Louro fixo especial fincapé en que a partida prevista nos Orzamentos "demostra que o Hospital de Montecarrasco é un engano, un mal truco do PP para esquivar a necesaria construción do Hospital ÿnico que a cidade precisa".
Os socialistas preparan xa as enmendas a este borrador de Orzamentos Xerais da Xunta "para correxir os aspectos antisociais destas contas".