Unión Fenosa e Gas Natural, condenadas por conduta abusiva polas facturas da luz baseadas en consumo estimado
Por Natalia Puga
A práctica habitual nas empresas eléctricas Unión Fenosa e Gas Natural de non efectuar as lecturas de consumo real de electricidade e de emitir facturas con consumos estimados é, para un tribunal coruñés, unha "conduta abusiva".
A decisión, adoptada pola Audiencia Provincial da Coruña, responde a un procedemento iniciado desde a Fiscalía, que exerceu unha acción colectiva de cesamento e protección dos consumidores contra as empresas Unión Fenosa Distribución S.A e Gas Natural S.O R SDG S.A. En primeira instancia, o Xulgado do Mercantil número 1 da Coruña deu a razón ás eléctricas, pero o ministerio público recorreu e agora danlle a razón.
A sección cuarta da Audiencia Provincial da Coruña estimou o recurso de apelación contra a sentenza previa e condena ás empresas por condutas abusivas contra os consumidores ao incumprir a obrigación de realizar lecturas de consumo real da electricidade nos contadores.
A sentenza prohibe ás empresas efectuar lecturas de consumo estimado, así como tamén emitir e virar facturas cos devanditos consumos, salvo no casos legalmente previstos e obrígalles a informar o Xulgado sobre as medidas adoptadas para previr a reiteración no futuro destas condutas e fixa un prazo de 3 meses para o seu cumprimento, impoñendo unha multa coercitiva de 40.000 euros por cada día de atraso no cumprimento da mesma.
A demanda formulada pola Fiscalía dirixíase a estas dúas empresas que forman parte dun mesmo grupo empresarial que opera no sector eléctrico. Unión Fenosa dedícase á distribución de enerxía eléctrica e Gas Natural é a empresa comercializadora, a que vira as facturas aos seus clientes cos datos facilitados pola distribuidora.
A Fiscalía fundamentou a súa demanda en que a distribuidora incumprira de forma reiterada a obrigación de efectuar as lecturas dos consumos eléctricos reais dos clientes. Estas incidencias determinaron que a comercializadora facturase por consumos estimados máis aló do prazo de dous meses permitido pola normativa sectorial aplicable. Ademais, a comercializadora, a pesar de emitir facturas nas que non se incluía o consumo real, seguía cobrando o alugueiro do contador aos consumidores e en ningunha factura se informaba dos motivos concretos polos que levaba a cabo esta práctica.
Na sentenza, declárase abusiva a conduta consistente en non efectuar as lecturas de consumo real de electricidade e tamén a de emitir e virar facturas que inclúan consumos de electricidade estimados. Tamén se declara abusivo a cobranza do alugueiro do contador nas facturas con consumos estimados e a ausencia de información das razóns polas que non se tivo en conta o consumo real.
O fiscal sostén que as empresas producen un "inscuestionable prexuízo" aos consumidores pola acumulación do custo das facturas e o pago de servizos non prestados.
A sentenza é suceptible de ser recorrida en casación ante o Tribunal Supremo.