Antes de final de ano estará rematado o parque de calistenia da Illa das Esculturas
Por Redacción
O novo parque de calistenia da Illa das Esculturas, cun investimento de 103.316 euros, estará nas inmediacións da pasarela peonil (na entrada á zona verde a través do Paseo de Rafael Areses), nunha área de terra compactada estabilizada cunha capa de cemento cunhas dimensións aproximadas de 300 metros cadrados.
O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, explica que se dotará ao parque de equipamento especializado para desenvolver actividade física ao aire libre que combine traballos funcionais de forza co propio corpo, tradicionalmente coñecidos como traballos calisténicos, con exercicios de forza dirixida por elementos deseñados para grandes grupos musculares, así como doutros complementarios de uso individual como gomas elásticas, tirantes musculares, cintas de adestramento en suspensión, cordas ou sacos de boxeo.
Estará deseñado para unha práctica deportiva inclusiva, posibilitando o uso de persoas con mobilidade reducida, e terá un carácter polivalente, tanto no que se refire ao tipo de actividade física a realizar como no que atinxe aos rangos de idade.
A infraestrutura deportiva permitirá complementar as actividades aeróbicas que se poden desenvolver actualmente neste espazo con outras de mantemento e incremento da forza xeral e específica dos grandes grupos musculares, incidindo así na mellora da calidade de vida da poboación en xeral.
Entre as actividades que se poderán practicar no novo parque inclúense exercicios de calistenia, parkour, workstreet, HIIT (High Intensity Interval Training), cross training, bootcamp, traballo de forza, mobilidade articular e cardio.
O edil do PSOE agarda que, tendo en conta que o proxecto xa está en contratación para entrar en fase de licitación e de que as obras teñen un prazo de execución dun mes desde o seu inicio, a cidade poda contar con esta demandada infraestrutura "antes de que remate o ano".
Tino Fernández avanza que o da Illa das Esculturas "será o primeiro dos dous parques de actividade física saudable que o Concello executará na cidade, xa que temos previsto construír outro que ocupará unha superficie de entre 100 e 150 metros cadrados no barrio de Mollabao".