A contratación do novo servizo de limpeza de instalacións municipais de Marín entra na recta final
Por Redacción
O pleno de Marín deu luz verde este xoves á proposta de adxudicación do contrato de limpeza de edificios e instalacións dependentes do Concello.
Explicou a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, que xa en xaneiro fóra aprobado no pleno o inicio do expediente para a contratación deste servizo e "despois dunha longa elaboración dos pregos, que foron moi complexos, dado que se incrementou o coste de licitación de 400.000 euros ao 885.500 euros cada ano". En total, sumados os catro anos de contrato, a licitación ten un importe global superior aos 3,5 millóns de euros.
Este incremento débese a varios factores. Máis de 150.000 euros pola incorporación de novos espazos municipais que antes non estaban incluídas no prego como a Galiña azul de Seixo e San Pedro, a EEI do Grupo, as ampliacións en instalacións deportivas (e limpeza en fins de semana), a Biblioteca, a Policía Local e os vestiarios, o Espazo de Emprendemento de Innovación Alimentaria do Parque Azul, o local social de Juan XXIII, a SACOA e os novos comedores escolares.
Cerca de 100.000 euros pola limpeza dos centros educativos, que pasou de realizarse unha limpeza a tres ao día. Preto de 40.000 euros polo aumento de consumibles, sobre todo co lavado de mans, que supuxo un incremento de xabón e papel secamáns. Ademais duns 100.000 euros para que se poidan actualizar os salarios cos novos convenios laborais, dado que este tipo de contratos non contemplan revisión de prezos.
Na reunión mantida pola Mesa de Contratación ddespois de todo o proceso de licitación, detectouse que unha das empresas presentadas incurría nunha posible oferta desproporcionada, polo que desde a Mesa se consideraba que debía ser excluída.
Así, o pleno aceptou estos informes técnicos, propoñendo a exclusión da empresa, e propón para a adxudicación a OHL Servicios Ingesan S.A., por ser a oferta economónicamente máis vantaxosa para os intereses municipais e requerirlle a documentación xustificativa no prazo de 10 días.
A concelleira explicou que este trámite era importante para aclarar se se trataba dunha baixa temeraria realmente e, deste xeito, non aceptala, pois podería poñer en risco a prestación do servizo con calidade. Unha vez OHL presente a documentación requerida e, se está todo correcto, levarase a adxudicación definitiva ao próximo pleno.