Augas de Galicia presenta o proxecto do plan municipal de abastecemento autónomo en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade presentou este xoves o proxecto de Plan Municipal de Abastecemento Autónomo no Concello de Cerdedo-Cotobade, que foi un dos seismunicipios seleccionados para levar a cabo este programa piloto.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, asistiu no Centro Cultural de Cerdedo ao acto de presentación. No encontro, técnicos de Augas de Galicia deron a coñecer as liñas básicas desta iniciativa, dotada con 150.000 euros neste municipio, e recolleron información sobre a rede e as infraestruturas existentes cos propietarios e representantes das traídas veciñais e das comunidades de usuarios de augas.
O Plan Municipal de Abastecemento Autónomo de Cerdedo-Cotobade "pretende mellorar o coñecemento sobre os sistemas existentes para definir e promover as actuacións necesarias para garantir unha autoxestión sostible, segura e resiliente".
Así, nesta primeira fase estase procedendo á recompilación de información por parte dos técnicos de Augas de Galicia de mans dos responsables das traídas co obxectivo de realizar un inventario e estudo dos sistemas de autoabastecemento que, no caso de Cerdedo-Cotobade, son os que dan cobertura a practicamente todo o territorio e aos seus 5.500 veciños.
Posteriormente, acometerase unha análise dos datos recollidos e farase unha proposta de melloras para adoptar nestas redes de subministración de auga potable e, finalmente, elaborarase o documento do Plan Municipal de Abastecemento Autónomo que recollerá as pautas, requisitos e necesidades para este tipo de traídas.
A Xunta agarda que esta experiencia poida ser exportada ao resto de sistemas de autoabastecemento de Galicia.