Acaba o 'verán de San Miguel' e volven as chuvias ás Rías Baixas
Por Redacción
Haberá que desempoar os paraugas. Tras este amplo 'verán de San Miguel', as choivas regresarán ás Rías Baixas esta fin de semana. Iso si, non será ata o sábado, segundo as previsións meteorolóxicas que fixeron desde Meteogalicia.
Este venres, Galicia seguirá no radio de acción das altas presións e, aínda que estas empezan a debilitarse, manterase o tempo seco da última semana. Os ceos están pouco nubrados e o vento soprará frouxo con dirección variable, sobre todo desde o oeste.
As temperaturas mínimas non terán cambios significativos e as máximas estarán en lixeiro descenso. En Pontevedra non superarán os 23 graos.
Xa o sábado unha fronte borrascoso irase achegando aos poucos ás Rías Baixas e, a medida que pasa o día, irá aumentando a nebulosidade. As precipitacións chegarán ao final do día.
Subirán as mínimas en Pontevedra ata os 13 graos pero, pola contra, as máximas caerán ata os 18, segundo recollen as previsións.
Tras as choivas do sábado, aínda caerán máis precipitacións durante o domingo, aínda que previsiblemente serán máis débiles que as do día anterior.
Haberá ventos moderados no litoral e as temperaturas experimentarán un lixeiro ascenso e oscilarán entre os 16 e os 21 graos.
Meteogalicia adianta ademais que as choivas continuarán durante a próxima semana.