"Mai piu fascismi". Concentración en apoio ao sindicato italiano CGIL
Por Oskar Viéitez
Os sindicatos Unión Xeral de Traballadores (UXT) e Comisións Obreiras (CC.OO.) concentráronse no mediodía deste venres diante do edificio sindical, para amosar a solidariedade co sindicato CGIL (Confederazione Generale Italiana del Lavoro), cuxa sede de Roma foi asaltada o dia 9 de outubro por membros da organización fascista Forza Nuova e do movemento antivacunas NoVax.
A concentración celebrouse baixo a consigna "Mai piu fascismi".
Nun manifesto, estes sindicatos sinalaron que "por desgraza, e tras un século de loita polos valores democráticos, os sindicatos de clase en Europa vemos rexurdir estes comportamentos ideolóxicos totalitarios en todo o continente, estigmatizando non só a sindicalistas, senón tamén a calquera colectivo ao que consideren unha ameaza á súa visión antidemocrática, violenta, conservadora e inxusta da sociedade".
"O novo fascismo italiano, como a ultradereita francesa, polaca, húngara ou española, utiliza argumentos falaces para seguir avanzando e difundindo a súa mensaxe de odio. Así, estes grupos falan de falta de liberdade, de estados autoritarios, de conspiracións globais, ao mesmo tempo que alimentan con noticias falsas a estigmatización das organizacións sindicais", di este manifesto.
Estes sindicatos consideran que "é necesario que todas as organizacións e institucións comprometidas coa democracia levanten a súa voz diante o ocorrido en Italia e posicionense firmemente fronte ao odio e a violencia dos movementos de ultradereita".