O cemiterio da Raña xa ten listos o novo columbario e os panteóns
Por Redacción
O cemiterio marinense de A Raña xa conta co novo columbario e oito novos panteóns que permiten ampliar a capacidade deste camposanto. Para comprobar o remate destes traballos, realizados pola empresa Acevi, a concelleira Cristina Acuña visitou este venres o lugar.
En total, dotouse ao cemiterio de 80 novos pequenos nichos no columbario, cunhas dimensións de 50 centímetros de alto, 50 de ancho e 97 de longo. A maiores, dotouse a cada un dos 8 panteóns de 28 nichos. Os traballos supuxeron un investimento de 70.000 euros.
Por outra banda, no que respecta ao columbario que xa estaba, realizouse unha reforma da súa cuberta, para crear unha zona resgardada das inclemencias meteorolóxicas.
A superficie construida da nova cuberta será de 18 metros cadrados, cunha altura máxima de 3,72 metros e supuxo un desembolso de 8.900 euros.