O 'I Encontro Nacional de Políticas Públicas' pecha o pano cunha crítica ao sistema xudicial e ás desigualdades
Por Redacción
O I Encontro Nacional de Políticas Públicas, celebrado no Castelo de Soutomaior, puxo punto e final este venres despois de facer "unha clara diagnose das políticas públicas de igualdade con reflexións tan profundas que nos permiten ter un mapa sobre cales son algunhas das nosas conquistas pero tamén os déficit das políticas feitas", concluíu a coordinadora do encontro e profesora da Universidade de A Coruña, Rosa Cobo.
Durante o acto, Cobo agradeceu á Deputación "abrir un espazo feminista do que as mulleres temos unha necesidade imperiosa para poder ter conciencia crítica feminista o que é fundamental para sobrevivir e alongarse no tempo", e incidiu na importancia de poñer "o foco nas converxencias, no que nos une, na sororidade, nas alianzas políticas, nos pactos, nas estratexias comúns para poder seguir adiante e agrandar así os espazos de igualdade e liberdade das mulleres".
A primeira mesa da última xornada centrou o foco na igualdade no sistema xudicial. A catedrática de Dereito Constitucional da Universidade de Málaga e integrante do Tribunal Constitucional, María Luisa Balaguer, subliñou a necesidade de que o feminismo desenvolva "unha teoría solvente e práctica porque observo unha reacción tremenda do patriarcado cada vez que a muller acada algún avance". Tamén remarcou as dificultades das mulleres nos órganos de xustiza e explicou que "o movemento feminista pasa polas persoas que estamos en postos de responsabilidade: precisamos establecer estratexias para facer un curtocircuíto a determinadas posturas reaccionarias".
A directora do Instituto Balear da Muller, María Durán, fixo fincapé na necesidade de eliminar os estereotipos de xénero, leis discriminatorias polo que é importante "impulsar un cambio na xustiza: que o poder lexislativo lexisle con perspectiva de xénero e que a xudicatura aplique a perspectiva de xénero".
Paz Filgueira, maxistrada especialista en violencia de xénero, dixo que é "imprescindible para franquear os prexuízos e estereotipos en todos os estamentos da xustiza", e considera que hai un "fallo sistémico" na xustiza aínda que "estamos avanzando pero aínda queda moito, hai limbos xa que falta formación, perspectiva, desde abaixo, pero tamén faltan medios".
Por outra banda, as 'Propostas de Políticas de Igualdade do Movemento Feminista' foron o centro da última das mesas do Encontro. Moderada pola xornalista Nieves D. Amil (La Voz de Galicia), as relatoras incidiron en que os retos pasan por cuestións como reivindicar como prioritaria unha lei de abolición que non só garanta a recuperación integral das mulleres senón que vaia meter no Código Penal o proxenetismo e as actividades económicas que colaboran".
Neste caso, Lidia Fernández, doutora en Estudos Interdisciplinares de Xénero, partiu dos datos sobre desigualdade actuais, agravados pola pandemia, con especial referencia á brecha salarial ou a que incorporación das mulleres ás carreiras STEM, así como os graves datos de violencia contra as mulleres. Enumerou as reivindicacións do movemento, que pasan por unha lei de abolición da prostitución, e "que a violencia contra as mulleres sexa unha prioridade política para os gobernos e sexa unha cuestión de Estado, porque o Pacto de Estado foi de mínimos e non se está a cumprir".
Ademais, Lupe Ces, explicou que "o sistema prostitucional e pornográfico están a ser os grandes ventiladores que esparexen enerxía violenta contra as mulleres" e lamentou o sentimento de frustración no que están as feministas porque considera que "os nosos discursos fan auga e vemos que os discursos misóxinos reprodúcense nas xeracións máis novas". Tamén amosou a necesidade de que o movemento feminista, que foi quen de incorporar mulleres nas institucións "para conseguir políticas transformadoras", poña o foco na prostitución e na pornografía porque "é a hora de situar isto".
Concha García Vázquez, voceira da Plataforma do Feminismo Radical de Galicia, destacou que "o feminismo vive o abrazo da morte, no que por un lado estamos rodeadas por unha ultradereita que quere recuperar posicións xa superadas e retroceder en dereitos que xa acadamos e, por outra banda, temos unha franxa na esquerda que perdeu o seu espazo polo que decidiron facer bandeira de colectivos minoritarios aínda que implique opoñerse dereitos consolidados das maiorías, as mulleres". "A Axenda feminista ten o obxectivo loitar contra a opresión patriarcal e esperamos avanzar en liña recta pero entra auga polos costados", concluíu.
Finalmente, Marta Cárdaba, do V Forum de Política Feminista, coincidiu na denuncia do sistema prostitucional, dos ventres de alugueiro e puxo o aceno na situación que viven millóns de mulleres pobres que están a sufrir a criminalización do aborto, "poñendo en perigo a súa saúde e a súas vidas". Denunciou aos gobernos que permiten esta situación e "ao patriarcado que segue querendo controlar os nosos corpos. Reducen ás mulleres á esfera reprodutiva".
Relacionadas:
-
"Fronte ao patriarcado, artistas que moven, removen e conmoven"
Por Oskar Viéitez |
-
"O negacionismo crece porque cada vez se senten máis fortes. Hai un discurso político que os lexitima"
Por Redacción |
-
Máis dun cento de mulleres asisten ao I Encontro Nacional de Políticas Públicas no Castelo de Soutomaior
Por Redacción |
-
Vinte mulleres referentes para unha "reapertura de Óscar" da Escola de Igualdade María Vinyals
Por Natalia Puga |