Sanxenxo planea unha tirada de fogos artificiais para a noite de fin de ano
Por Redacción
Superada a fase máis complicada da pandemia, o Concello de Sanxenxo retoma os seus plans de crecemento turístico en tempada baixa e recupera algunhas das iniciativas suspendidas baixo o slogan “Sanxenxo 365 días diferentes”.
As praias, paisaxes e gastronomía, que converteron a Sanxenxo en líder do norte de España no verán, son diferentes e mesmo máis atractivas o resto do ano. Ademais, van promocionar recursos menos coñecidos como o patrimonio, a observación de aves ou os servizos de saúde e benestar.
E dentro destes plans, o Nadal convértese nun período prioritario porque pode acabar converténdose na “terceira tempada alta” de Sanxenxo despois do verán e a Semana Santa. No nadal previo á pandemia, Sanxenxo encheu as 2.000 prazas hostaleiras dispoñibles e incrementou a actividade hostaleira. Nesa liña enmárcase a mellora da iluminación do Nadal e este ano, por primeira vez, teñen previsto facer unha tirada de fogos artificiais na noite de Fin de Ano. E con vistas ao futuro, o goberno local estuda incrementar a actividade coa creación dun mercadillo do Nadal que impulse o comercio e a hostalería.
O Concello pensa tamén en reforzar a marca Sanxenxo cunha campaña de promoción de destino en tempada baixa dirixida a potenciais visitantes de proximidade durante os meses de novembro e decembro. O obxectivo é atraer as fins de semana visitantes galegos que en moi pouco tempo pódense desprazar desde calquera punto da comunidade.
A tempada baixa non puido empezar mellor tendo en conta a ocupación de hoteis, apartamentos e a actividade hostaleira durante a ponte do Pilar, con rexistros próximos aos da tempada alta. Un dato significativo é a recadación do aparcadoiro, que alcanzou os 10.213 euros, fronte aos 6.697 euros de 2018 e os 3.693 euros de 2017 anos nos que a ponte tamén foi de 4 días. As pontes de todos os Santos (3 días) e a Constitución (5 días) contribuirán a consolidar a recuperación da actividade este outono.
"Imos a traballar con toda a nosa capacidade e adicación para facer de Sanxenxo un destino turístico os 365 días do ano. É unha tarefa difícil, que vai levar tempo e esforzo, pero é un reto apaixoante que mellorará o futuro de Sanxenxo", asegura o alcalde Telmo Martín.