A décima edición de Edugal regresa con máis de 50 expositores, showcooking, mesas redondas e obradoiros
Por Redacción
A décima edición do Salón de Oferta de Educación e Formación de Galicia 'Edugal 2021' regresa ao Recinto Feiral con máis de 50 expositores os días 20, 21 e 22 de outubro. Este ano incluirá mesas redondas, conferencias, obradoiros e showcooking, coa intención de axudar aos estudantes a decidir o seu futuro formativo e profesional e no que está representada practicamente toda a oferta de centros educativos e formativos, empresas e entidades.
Unha vez máis, o salón está organizado pola Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa de Pontevedra (Aempe) e a Concellería de Promoción Económica e Turismo en colaboración coa Deputación e a Universidade de Vigo, que buscarán axudar aos futuros profesionales a acadar unha maior calidade na súa formación.
As portas abrirán o mércores 20 e o xoves 21 en horario de 10:00 a 18:00 horas e o venres 22 de 10:00 a 14:00 horas. Haberá conferencias, charlas de orientación, obradoiros e demostracións dirixidas a estudantes que lles axudarán a ter máis claras as opcións formativas das que dispoñen; e visitas programadas para grupos escolares acompañados dun profesor ou titor (concertadas coa organización).
Tal e como explicou a concelleira de Promoción Económica, Turismo e Universidades, Yoya Blanco, Trátase dun público de máis de 10.000 persoas entre os que están tamén os profesionais, centros educativos e empresas públicas.
A entrada é de balde e están convocados centro públicos, concertados e privados, campus universitarios, centros de formación, fundacións, empresas con FP Dual, empresas de material escolar, compañías de Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e robótica, startups, escolas de idiomas, formación no estranxeiro, danza e artes escénicas, conservatorios e Forzas Armadas Profesionais (Ministerio de Defensa).
Neste enlace pódese consultar a relación de expositores e o programa de actividades da décima edición do Salón de Oferta de Educación e Formación de Galicia.
Para máis información sobre o evento tamén se pode facer a través do correo electrónico edugal@aempe.com ou chamando ao teléfono 986 86 63 76.