Marcos Conde, reelixido por unanimidade como secretario comarcal da CIG
Por Oskar Viéitez
Marcos Conde Farto será o encargado de dirixir de novo a CIG de Pontevedra durante os próximos catro anos despois de que a VIII Asemblea Comarcal celebrada este sábado 16 o reelixise este sábado como secretario comarcal con 127 votos a favor, ningún en contra e ningunha abstención.
A candidatura de consenso para a Executiva Comarcal, que abría Conde, obtivo 127 apoios, ningún en contra e ningunha abstención; e a lista de representantes da bisbarra no Consello Confederal saíu adiante con 124 votos a favor, ningún en contra e ningunha abstención.
A nova Executiva Comarcal está comporta por 1. Marcos M. Conde Farto. 2. David Couñago Mouriño. 3. Soedade Fernández Silva. 4. Diana Rodríguez Regueira. 5. Francisco Javier Dapena Varela. 6. Marta Ferreiro Fernández. 7. Lois Carballo Pose.
E os representantes da comarca no Consello Confederal son: 1. Marcos M. Conde Farto. 2. Cecilia Tarela Barreiro. 3. Antóm Álvarez Meralho. 4. Francisca Ferradás González. 5. Anxo Lúa Areas.
No Informe de Xestión da anterior Executiva Comarcal debúllanse os eixos principais sobre os que xirou a acción sindical e a conflitividade laboral dos últimos catro anos na comarca pontevedresa e saliéntase que o traballo desenvolvido polas federacións procurou, dunha banda, responder á problemática do día a día nos centros de traballo e, doutra, sindicalizar os conflitos como única vía para conseguir melloras ou evitar a perda de dereitos, "tendo que afrontalos, na maioría dos casos, en solitario, ou mesmo coa oposición doutras centrais sindicais máis interesadas en contentar á patronal que en apoiar a clase traballadora".
Ao mesmo tempo, a CIG sinala que a pandemia da covid tivo unha afectación directa no emprego, tanto nos grandes números como na propia calidade dos postos de traballo. A esta realidade engaden agora a precarización na contratación.
Na súa intervención final tras ser reelixido secretario comarcal, Marcos Conde comezou lembrando que se a CIG é a primeira forza na comarca de Pontevedra en representatividade, afiliación e capacidade de mobilización "éo non só polo traballo feito nestes últimos catro anos, senón polo levado a cabo polo conxunto da central sindical ao longo da nosa historia e polo,sacrificio de moitos compañeiros/as antes que nós".
Por iso chamou a "manter ese pulso, a sermos responsables de non tirar ese traballo".
Ao mesmo tempo, repasou as principais problemáticas que a central vai ter que enfrontar nos próximos anos, como "a precariedade que padece a inmensa maioría da poboación; as medidas aplicadas a cambio do rescate; as reformas das pensións ou da negociación colectiva; e os recortes en sanidade, educación, a taxa de reposición, a Lei mordaza, etc". Fixo especial fincapé na necesidade de derrogar as reformas laborais, motivo polo que foi presentada a proposta de traballar cara a unha folga xeral".
Conde incidiu en que a central sindical ten que seguir mobilizándose máis alá do mundo do traballo, "pois tamén somos unha organización axitadora dos conflitos sociais, como así o demostramos diante dos peches de oficinas bancarias, por unha tarifa eléctrica galega, contra os recortes sanitarios e na educación, etc".
Relacionadas:
-
Protestas da CIG para evitar que a clase traballadora pague a saída da crise
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Protestan contra o peche da sucursal do BBVA de García Camba
Por Oskar Viéitez |
-
CIG convoca a súa asemblea comarcal como primeira forza sindical en Pontevedra e O Salnés
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Prohíben as protestas da CIG ante o Foro La Toja polo prezo da luz e o peche de bancos
Por Redacción |
-
Protesta da CIG na rúa contra a "estafa" eléctrica: "A luz está a subir e os gobernos a durmir"
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |