Empeza a semana con máis choiva, vento e temperaturas altas
Por Redacción
A previsión de MeteoGalicia di que este luns a nosa Comunidade quedará entre a borrasca localizada ao oeste de Irlanda e as altas presións do Mediterráneo occidental, con circulación do suroeste que achegará humidade.
Así, teremos o ceo parcialmente nubrado, con algunhas chuvias febles no litoral atlántico pola mañá. As temperaturas experimentarán un lixeiro ascenso. Os ventos soprarán de compoñente sur con intervalos moderados, sendo fortes no litoral da Costa da Morte.
O martes a aproximación a Galicia dunha fronte polo noroeste intensificará a circulación de ventos do sur. Teremos así unha xornada de ceos parcialmente nubrados, con máis nubes pola mañá e ao oeste. A fronte traerá chuvias puntualmente intensas pola noite. As temperaturas seguirán sen cambios significativos. O vento soprará de compoñente sur forte, con refachos moi fortes ao norte da Coruña e de Lugo. No mar, ventos fortes en xeral, moi fortes na Costa da Morte.
O mércores seguiremos nunha área de chuvascos arrastrados a Galicia polo fluxo de ventos do oeste. Agárdase así unha xornada de chuvias ocasionais con ceos máis nubrados canto máis ao oeste. As temperaturas sufrirán un lixeiro descenso, máis pronunciado nas máximas. O vento soprará de compoñente oeste, frouxo con intervalos moderados en terra e con intervalos fortes no litoral norte.