Os prezos actuais da luz poderían triplicar a factura da subministración enerxética do Concello

Por Oskar Viéitez
A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, deu conta este luns das dificultades atopadas polo Concello de Pontevedra á hora de pechar un novo contrato da subministración de luz.
A previsión que manexa a día de hoxe o Concello de Pontevedra é que deberá pagar entre 2 e 4 millóns de euros a maiores do que viña pagando. "Nós tiñamos unha previsión de preto dos 2 millóns, pero agora vemos que o que terá que pagar o Concello serán entre 4 e 6 millóns, vendo como están os prezos e a súa subida", alertou Anabel Gulías.
A portavoz do goberno local lembrou que "son cartos que teremos de deixar de investir en calquera actividade ou actuación a realizar por parte do Concello" e engadiu que "estes cartos irán directos a encher os petos das grandes empresas eléctricas. Sen dúbida, cremos que é intolerable".
A concelleira, en nome do Concello de Pontevedra, manifestou que "demandamos solucións e cambios, máis aínda nun país como é Galicia, que temos fontes enerxéticas dabondo, encoros e montes cheos de aeroxeradores, como para pagar prezos abusivos pola subministración eléctrica".
O próximo día 31 de outubro vence o contrato de subministración de enerxía eléctrica que o Concello de Pontevedra negociara no seu día con Iberdrola e no que "apostaba pola regulación das tarifas con prezos únicos bastante vantaxosos e, por outra banda, pola enerxía verde".
O goberno local tiña en marcha a licitación do novo contrato, pero tivo que cambiar os plans e paralizar este proceso ante os "prezos desbocados" no mercado eléctrico.
"A volatilidade do mercado, o incremento desmesurado dos prezos fan que as estimacións que nós tiñamos de aumento queden curtas", lamentou a portavoz municipal.
O pasado ano 2020 o Concello de Pontevedra pagou 1.780.245 euros polo consumo eléctrico. As estimacións que manexaba para a próxima renovación do contrato actualizaban este custo á alza cunha previsión de 2,2 millóns de euros. Pero ao poñerse as distintas compañías subministradoras en contacto co Concello maniféstanlles que "é imposible manter as condicións de servizo" tal e como as tiñan.
"Neste momento, se sacamos un contrato coas tarifas reguladas con prezos fixos estariamos na situación de que o contrato queda deserto porque a ningunha subministradora compensaríalle unha oferta nestas condicións", dixo Anabel Gulías. "A nós isto pareceunos delirante", engadiu.
Desde o Concello tentaron negociar unha prórroga do contrato coa actual subministradora Iberdrola pero "para a nosa sorpresa" están a xurdir "problemas serios" porque "as ofertas que se presentaban deixaban de ser válidas, pola subida do prezo da luz, no mesmo día".
Ante esas "dificultades" para sacar adiante este contrato o goberno local opta por unha "vía de emerxencia" e seguindo a recomendación dos técnicos municipais tentará formalizar un contrato indexado que atendería ao pago diario do prezo da luz. "A parte boa", segundo Anabel Gulías, é que "saberiamos o que estamos a pagar exactamente pola luz", pero "a parte mala" é que estes contratos indexados teñen un custo de xestión a maiores.
Negociouse un prezo de xestión "verdadeiramente mínimo" e "de case o custo real do servizo da luz". Sería de 0,5 euros/MW para un consumo anual estimado de 7GW que ten o Concello.
O Concello quixo mostrar a súa "preocupación" polas empresas e pola veciñanza pois "se nós que somos unha administración pública importante temos estes problemas para negociar algo tan básico como é a subministración da luz, non queremos nin imaxinar os problemas que deben estar a ter as pequenas empresas, os pequenos e medios autónomos ou as familias".
Relacionadas:
-
Prorrogado ata xullo o contrato do subministro eléctrico do Concello de Poio
Por Redacción |
-
Unión Fenosa e Gas Natural, condenadas por conduta abusiva polas facturas da luz baseadas en consumo estimado
Por Natalia Puga |
-
Queima de facturas como protesta contra a alza continua do prezo da luz
Por Redacción |
-
As subidas do prezo da luz incrementan os usuarios dos autoservizos de lavandería
Por Marisa Ciordia |
-
Pontón reclama a Feijóo "que solte o ganchete do lobby eléctrico e se poña ao lado dos intereses de Galicia"
Por Oskar Viéitez |