O Goberno apela desde Pontevedra a "no aplazar más" o pago da taxa de uso nas autovías
Por Alejandro Espiño
O Goberno segue decidido a implantar unha taxa polo uso das autovías. A secretaria de Estado de Infraestruturas, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, apelou este luns desde Pontevedra a "no aplazar más" esta medida reclamada por Bruxelas.
Durante a inauguración do Simposio Nacional de Vías e Obras da Administración Local, que acolle a Deputación de Pontevedra, Pardo de Vera defendeu que este modelo de "pago por uso" ofrecerá unha solución ao "creciente déficit" en materia de conservación de estradas.
Os 1.400 millóns de euros que os orzamentos xerais destinarán en 2022 a manter infraestruturas son "insuficientes", dixo a secretaria de Estado, que insistiu en que España debe dar un "paso más" cara aos cambios que demandan as autoridades europeas.
A este respecto, apuntou que o modelo imposto en Europa "es un 60% de tasa de uso y un 40% de peajes" e preguntou se "alguien puede entender" que os camioneiros españois "paguen por usar las carreteras de toda Europa" e os estranxeiros "usen gratis" as nosas.
Non aprobar esta taxa, subliñou Isabel Pardo de Vera, "detrae recursos" para o mantemento de estradas "en detrimento" do diñeiro que se destina a sanidade, educación ou xustiza ou, pola contra, obriga a recadalo mediante peaxes "desequilibradas".
"Se ha alargado demasiado la toma de decisiones", engadiu Pardo de Vera, que destacou o "gran esfuerzo" realizado polo Goberno para "minimizar" os "enormes desequilibrios territoriales" en materia de mobilidade.
Así, lembrou que entre 2018 e 2026 liberáronse ou se liberarán 1.244 quilómetros da rede nacional de autoestradas e aprobáronse descontos "históricos" naquelas que seguen con concesión debido a decisións "que nos deixaron reféns da súa xestión".
"O afrontamos un cambio o seguiremos cautivos de un sistema tan injusto como lucrativo para algunos", sentenciou a secretaria de Estado de Infraestruturas.
PONTEVEDRA, "REFERENTE" DE SUSTENTABILIDADE
Pardo de Vera, que foi responsable de Infraestruturas na Deputación de Pontevedra antes de dar o salto a Madrid, situou ademais a Pontevedra como un "referente" en materia de sustentabilidade urbana, primeiro a súa capital e posteriormente en toda a provincia.
Celebrou que se "ha primado" o tráfico peonil sobre os vehículos. "El resultado se ve en las calles", dixo a dirixente gobernamental, que citou entre outras cuestións que "hay más calidad de vida, más seguridad vial y el desarrollo de más servicios".
Na sesión inaugural deste congreso Vyodeal, organizado pola Asociación Española de Estradas, o seu presidente Juan Francisco Lazcano reivindicou que a estradas locais "están llamadas a tener más protagonismo en estos tiempos de cambio".
"Son las carreteras por naturaleza, las más humanas. Deben ser vías seguras, eficientes y sostenibles", defendeu Lazcano.
Pola súa banda, César Mosquera, vicepresidente da Deputación, instou aos poderes públicos a ver as estradas locais, ás que se dedica o congreso, "desde outra perspectiva" ao entender que son "centros de vida e articulación social" e non estradas nacionais.
A isto engadiu a presidenta provincial, Carmela Silva, que "cando creamos cidades para os vehículos estamos a destruír o medio ambiente e expulsando de maneira intolerable á xente do espazo público".
Silva defendeu por iso o modelo impulsado desde o seu goberno, que entende as estradas como espazo público "onde as persoas vivamos mellor, especialmente as máis vulnerables que expulsaramos".
Relacionadas:
-
A Asociación Española de la Carretera premia o modelo de mobilidade da Deputación
Por Natalia Puga |
-
Ana Pastor censura a "tomadura de pelo" do Goberno de Pedro Sánchez con Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Os novos retos de seguridade e a dixitalización nas estradas centraron o peche do XXV Congreso Vyodeal
Por Redacción |
-
A Deputación, anfitrioa do 25 Congreso Vyodeal, que reunirá en Pontevedra a expertos en mobilidade
Por Natalia Puga |