A AECC volve "sacar peito" contra a vulnerabilidade que xera o cancro de mama
Por Redacción
Con motivo do Día Mundial Contra o Cancro de Mama, que cada ano ten lugar o 19 de outubro, a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) volve lanzar a campaña "Saca peito" e pon de manifesto que o cancro de mama fai máis vulnerables ás mulleres que desenvolven esta enfermidade.
A organización fai un chamamento social para corrixir a inequidade que existe en torno ao cancro e, concretamente no cancro de mama, do que se diagnosticaron 33.875 novos casos o pasado ano en España e que provoca que o 15% das mulleres que teñen esta enfermidade estea en situación de extrema vulnerabilidade económica e laboral.
O cancro é igual para todas as persoas, pero non todas as persoas son iguais fronte ao cancro. No estudo da Asociación Española Contra o Cancro "Toxicidade financeira no cancro de mama", esta afirmación é evidente xa que se estima que un diagnóstico de cancro de mama xera de media, entre gastos directos e perda de ingresos, 41.834 euros durante a enfermidade. Así, unha muller con cancro de mama ten uns gastos directos de 9.242 euros e unha perda de ingresos de 32.578 euros durante a enfermidade.
Se no momento do diagnóstico a muller está en paro, cobra un salario por baixo do mínimo interprofesional ou é autónoma, a situación agrávase provocando que o 15% das diagnosticadas pasen a entrar nun estado de vulnerabilidade laboral.
O estudo tamén sinala que case un 34% das enfermas perdeu o seu traballo ou se viu obrigada a deixalo por mor da enfermidade; o 70% perdeu o seu salario ou case todos os seus ingresos e preto do 36% vese obrigada a perder 11 meses de traballo.
O cancro de mama, o segundo máis frecuente por detrás do de cancro de colon e seguido polo cancro de próstata, afecta actualmente a 138.390 persoas en España e xera desigualdade á hora de enfrontarse á enfermidade. Corrixir esta inequidad é o obxectivo da Asociación, implicando a toda a sociedade e traballando para dar resposta ás necesidades das persoas máis vulnerables debido á enfermidade.
Na provincia de Pontevedra, durante os seis primeiros meses deste 2021 realizáronse un total de 8.311 intervencións a pacientes de cancro e familiares de 61 localidades, sendo os servizos de atención social e atención psicolóxica, as dúas áreas que maior número de intervencións concentran.
Concretamente, foron 4.743 intervencións de atención psicolóxica e 1.540 intervencións de atención social, o resto de intervencións (2.028) pertencen ao servizo de logopedia e actuacións por parte do equipo de voluntariado.
Relacionadas:
-
A asociación contra o cancro terá un mercadiño solidario en Marín
Por Redacción |
-
Quince familias de Pontevedra con pacientes oncolóxicos reciben doazón de alimentos
Por Redacción |
-
A AECC pide máis medios para solucionar os problemas económicos, laborais e sociais que padecen as pacientes de cancro de mama
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Nos últimos 21 meses detectáronse 50 casos precoces de cancro de mama en Pontevedra e no distrito do Salnés
Por Redacción |
-
O Arosa vístese de rosa para recadar fondos para a loita contra o cancro de mama
Por Redacción |
-
Máis de 500 persoas participan na marcha solidaria "700 camisetas contra a leucemia"
Por Redacción |
-
A AECC celebra os seus 50 anos de apoio á investigación
Por Mónica Patxot & María José Pita |