Sete casas rurais da área de Pontevedra participan nunha nova edición do Outono Gastronómico
Por Redacción
Ata dezasete casas rurais da provincia de Pontevedra, sete delas na área de influencia da cidade de Pontevedra, participarán na décimo quinta edición do programa Outono Gastronómico, impulsado pola Xunta de Galicia, a través da axencia Turismo de Galicia.
O programa ofrece diferentes propostas como a posibilidade de pernoitar e degustar de menús concibidos en exclusiva para esta ocasión.
Así, pódese compartir unha cea co Menú Outono Gastronómico ou pasar unha fin de semana no establecemento elixido a través de dúas modalidades.
Tamén se oferta o Outono Plus, co que algunhas das casas participantes porán a disposición dos clientes outras actividades complementarias á restauración, como paseos a cabalo, rafting, sendeirismo ou visitas culturais.
Como novidade, todos os negocios participantes inclúen nos seus menús produtos galegos con certificación de calidade avalados pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural.
Este organismo vai organizar, durante a campaña, degustacións e actividades relacionadas co coñecemento dos provedores, que serán gratuítas e exclusivas para os clientes do Outono Gastronómico aloxados nas casas participantes.
Outra das novidades desta edición é o programa de fidelización denominado OuBono Gastronómico, un carné co que os clientes que contraten o paquete Fin de Semana recibirán outro gratuíto dentro dun cupo de 25 bonos que se entregarán por rigorosa orde de recepción.
As casas rurais participantes na área de Pontevedra son Torre do Río e Casal dos Celenis (Caldas de Reis), Casal do Umia e A Pastora (Cambados), Casal de Folgueiras (Meis), Aldea Bordóns (Sanxenxo) e A Casa de Larache (Vilaboa).