Participantes en Vyodeal coñecen a reforma da Praza de España de Ponte Caldelas
Por Redacción
Un grupo de persoas participantes no 25 Symposium Nacional de Vías y obras de la Administración Local, Vyodeal, visitou este luns ata Ponte Caldelas para coñecer a reforma levada a cabo na Praza de España.
Neste simposio, organizado pola Asociación Española de la Carretera, se están a dar cita persoas de toda España que traballan para o impulso do espazo público para as persoas.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, presentou o proxecto que ten para o municipio, que se basa na mellora e coidado do rural ó tempo que se mellora o casco urbán gañando espazos de calidade para as persoas e se dota á vila de máis aparcamentos.
É o "Modelo Ponte Caldelas" que, segundo o alcalde, "se está a executar cunha enorme inversión que é posible grazas ós Fondos Europeos e tamén á colaboración da Deputación de Pontevedra", como foi o caso da Praza de España.
"Ponte Caldelas está a ser, unha vez máis, exemplo de aproveitamento e boa xestión dos espazos de calidade e tamén é hoxe unha referencia para toda España de como se pode transformar un pobo para darlle vida e un espazo de convivencia, de xogo e de lecer onde compartir momentos en familia e con amigos", recalca Andrés Díaz.
PEREGRINACIÓN A SANTIAGO
Por outra banda, o alcalde é un dos máis de 100 veciños de Ponte Caldelas que están a peregrinar a Santiago de Compostela.
A pasada fin de semana camiñaron dende Pontevedra ata Caldas de Reis. O vindeiro sábado farán etapa de Caldas de Reis a Padrón.