Lembran á veciñanza do rural que solicite a conexión ás redes de saneamento e abastecemento antes de pavimentar as vías
Por Anxo Lourido
Alberto Oubiña, concelleiro de Obras no Rural, anunciaba este martes que se iniciaron as obras de pavimentación nas vías do rural onde se acometeron os traballos de conexión á rede de saneamento e á de abastecemento de auga.
A empresa adxudicataria destes servizos, Viaqua, comezou en Campañó de Arriba estes traballos, nunha zona onde toda a veciñanza dispón de saneamento. Nas próximas semanas realizaranse estas obras noutros puntos desta parroquia para despois continuar en Outeiriño, en Verducido; en Salcedo onde se realizou a conexión desde a ETAP de Lérez; no vial da Deputación EP0012; e en Mourente en puntos como Areás e O Monte.
Explicou que estas actuacións irán collendo ritmo nos próximos meses dependendo das condicións meteorolóxicas con reposición de terra, material vexetal, formigón ou baldosa e tamén cos pavimentos asfálticos, que son maioría no rural. Lembrou que o Concello asume o pavimentado da vía ao completo no caso de que se trate dun carril único de circulación e se a vía é de dous carrís só se realizará na parte afectada.
O concelleiro insistiu no que no caso de saneamento a conexión é obrigatoria nos supostos de que as vivendas se atopen a menos de 50 metros da rede xeral por gravidade ou a menos de 30 metros por pulsión ou bombeo.
Segundo os datos que manexa o Concello de Pontevedra, máis do 75% da poboación do rural realizou esta conexión á rede de sumidoiros. No caso da rede de abastecemento de auga, a cifra descende ao 50% ao non ser obrigatoria. En todo caso, Oubiña recomenda que se realice porque os depósitos de auga dos domicilios poden acabarse e as traídas privadas, no momento de solicitar a renovación, poden ser denegadas pola Xunta de Galicia, administración competente nestes casos.
Alberto Oubiña incide en que aqueles veciños que aínda non presentasen a solicitude de conexión realicen este trámite canto antes porque, unha vez pavimentados os viais, serán os veciños quen deberán asumir os gastos da reposición dos materiais e poden atoparse cun "susto" económico.
O prezo taxado para os enganches supera os 300 euros de media tanto á rede de abastecemento como á de saneamento, a través de Viaqua, que realiza un orzamento por vivenda. Afirmou que o investimento medio do Concello para estender a rede a toda a poboación do rural ascende a unha media de 28.000 euros por vivenda, con casos nos que o custo se eleva a 40.000 euros. "Os investimentos son bestiais", asegura Obuiña ao indicar que máis do 95% das vivendas xa dispoñen da posibilidade de conexión á rede de saneamento e que se abordan a última fase para chegar á porcentaxe restante coa intención de "minimizar molestias".
Relacionadas:
-
O acordo cun particular permite desbloquear o saneamento de Verducido
Por Redacción |
-
Comezan as obras de mellora en sete parroquias do rural pontevedrés
Por Redacción |
-
Impulsan novas obras de saneamento en Cerponzóns e de abastecemento en Marcón e Tomeza
Por Alejandro Espiño |
-
Ofrecemento do PP para mediar ante os problemas veciñais coas redes de saneamento e abastecemento no rural
Por Redacción |
-
O Concello mellorará o acceso e a seguridade viaria no centro de saúde de Ponte Sampaio
Por Redacción |
-
Oubiña invita á veciñanza das parroquias a sumarse ás acometidas de saneamento e abastecemento
Por Redacción |
-
Batería de accións de mantemento no rural pontevedrés antes de final de ano
Por Redacción |