Mulleres maiores de Marín, Premios Lazo Violeta do 25N
Por Redacción
A Residencia da Terceira Idade de Marín converterase no símbolo representativo das mulleres maiores de 65 anos vítimas de violencia de xénero o 25 de novembro dentro dos actos previstos para esa xornada no municipio con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
Marián Sanmartín, presidenta do Consello da Muller, anunciaba que as mulleres maiores especialmente con máis de 65 anos vítimas de violencia de xénero serán as homenaxeadas cos Premios Lazo Violeta. O Consello da Muller entende que estas mulleres son "invisibles, moitas se atopan illadas e non gozan de boa saúde", ademais desde este organismo consideran que cando son sometidas a violencia de todo tipo "non o comparten coa súa contorna por vergoña ou falta de apoios".
O acto de entrega destes premios realizarase no Salón de Plenos do Concello de Marín durante o 25 de novembro a partir das 12.30 horas.
Na declaración institucional incidirase na necesidade de traballar unha sexualidade responsable entre a poboación máis nova debido ao incremento dos casos de violencia sexual que se produce entre este colectivo, moitas veces asociados ao consumo de alcol e drogas.
Tamén se quere tratar o tema da violencia vicaria como forma na que os menores son instrumentalizados e, ademais, recoñecerase como violencia económica a falta de pagamento de pensións de alimentos ou compensatorias. O manifesto incidirá en reconsiderar nos procesos civís de separación ou divorcio os ingresos procedentes dunha prestación por violencia de xénero das mulleres con ese dereito económico para non favorecer o maltratador. Desde a Mesa de Traballo contra a Violencia de Xénero maniféstase que nos procesos de separación ou divorcio, cando existe un auto de violencia de xénero con posibilidade dunha prestación económica por esta causa, se emprega para diminuír a pensión compensatoria e, por tanto, favorécese o maltratador.
Tamén se pedirán recursos suficientes para desenvolver unha parentalidade positiva nas familias, sobre todo nos casos de ruptura na parella. Neste sentido, demandarán no manifesto que os dous proxenitores asuman a responsabilidade dos menores.
GRUPO DE INTERVENCIÓN COMUNITARIA
Este xoves 21 volverá reunir o Grupo de Intervención Comunitario, aberto ao público, para promover ideas e pensamentos cunha base comunitaria. Este grupo reunirase o primeiro e terceiro xoves de cada mes na Finca de Briz, entre as 18.00 e as 20.00 horas.
Relacionadas:
-
25N | Marín fai visible a violencia machista entre as mulleres maiores
Por Redacción |
-
Marín prepárase para o 25N
Por Redacción |
-
Impulsan un completo programa de actividades en Marín polo 25N
Por Redacción |
-
Os reclusos do Centro Penitenciario de A Lama serán os primeiros en recibir a "Maleta Viaxeira contra a violencia de xénero"
Por Oskar Viéitez |