O GES do Grove contará con seis traballadores
Por Redacción
A Xunta proporá na Comisión de Seguimento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES), na que tamén están representadas as deputacións provinciais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), a creación dun Subgrupo de Emerxencias Supramunicipais (subGES) no Concello do Grove dotado con seis efectivos e que atendería as incidencias desta zona peninsular da comarca do Salnés.
Ademais, tamén pretende aumentar o persoal para que todos os GES teñan 12 efectivos, o que suporía contar con 36 persoas máis para distribuír entre 11 grupos que no seu momento foron concibidos como SubGES con 6, 9 ou 10 membros. Outra das propostas está relacionada co aumento do custo dos 4 servizos municipais de emerxencias en Galicia, entre eles o de Sanxenxo.
Ademais, prevese actualizar os custos salariais dos efectivos co obxectivo de adaptalos ao custo real dos GES na actualidade, tendo en conta o aumento desde que asinou o primeiro convenio entre a Xunta, as deputacións e os concellos no 2013.
Deste xeito, tendo en conta que a Xunta financia máis da metade do custo dos GES, estas cuestións suporán un incremento de máis de 1,5 millóns de euros anuais na aportación por parte do Goberno galego que podería financiarse a través do Fondo de Cooperación Local (FCL) aumentando a partida dedicada aos servizos de emerxencia.
Por tanto, o incremento económico total sería de 2,9 millóns de euros, dos que a Xunta asumiría 1,5 millóns, mentres que entre as catro deputacións terían que destinar 1,1 millóns, e entre os concellos 220.875 euros por ano.
Con esta proposta da Xunta, pasaríase a 35 GES e 4 servizos municipais, aos que se engadiría o subgrupo do GES no Grove. Os GES estarían conformados por un total de 474 efectivos, dando cobertura a 189 concellos e complementando a atención a emerxencias prestada polos consorcios de extinción de incendios e salvamento, tamén cofinanciados polo Goberno galego.
Relacionadas:
-
O GES do Grove, motivo de discordia entre a Deputación e a Xunta
Por Redacción |
-
O PP reclama á Deputación que incremente os cartos destinados aos GES
Por Oskar Viéitez |
-
Críticas do PP á negativa de ampliar os GES da provincia
Por Redacción |
-
A Deputación valora como "absolutamente insuficiente" a proposta da Xunta para crear unha subsede dos GES en O Grove
Por Oskar Viéitez |
-
Buscan unha solución para encaixar a singularidade do Grove nos GES
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación acepta a proposta dos novos GES
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada