Os novos retos de seguridade e a dixitalización nas estradas centraron o peche do XXV Congreso Vyodeal
Por Redacción
Cunha última xornada dedicada a abordar as antigas necesidades e os novos retos da seguridade e dixitalización na xestión das estradas do século XXI concluíu este martes no Pazo Provincial o 25 Congreso Vyodeal, o Symposium Nacional de Vías e Obras da Administración Local, que serviu para amosar os proxectos innovadores das administracións locais.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto ao vicepresidente César Mosquera, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o presidente da Asociación Española de la Carretera, Juan Francisco Lazcano, clausurou o encontro, organizado pola Asociación en colaboración coa Deputación.
Carmela Silva subliñou a transcendencia da cita que ten reunido nestas dúas xornadas no Pazo Provincial á secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, así como a destacados representantes da Dirección Xeral de Tráfico, deputacións, cabildos e universidades. A presidenta recalcou que o simposio puxo de relevo as boas prácticas que se están a facer no eido da mobilidade sostible e amable e confirmoulle ao presidente da Asociación, Juan Francisco Lazcano, que “haberá cuarto congreso en Pontevedra".
Carmela Silva insistiu en que o “cambio de paradigma” para facer que as infraestruturas públicas teñan en conta a perspectiva medioambiental, a conectividade, a posta das persoas no centro e a innovación “non se vai poder facer sen o mundo local”.
Ao longo do Congreso abordáronse cuestións como a recuperación do espazo público, os retos de futuro na xestión de redes viarias ou a xestión de desastres naturais en estradas locais, en especial o caso do volcán da illa da Palma. No congreso analizáranse non só as boas prácticas que se están a facer senón os retos de futuro “con propostas xa enriba da mesa” nas que tamén se integrou a perspectiva e mirada das mulleres.
Pola súa parte, o vicepresidente César Mosquera subliñou a importancia de xornadas como o Vyodeal como foros de intercambio de coñecemento para atopar solucións óptimas que aplicar nas estradas locais. Destacou que esta 25 edición foi “un éxito” e “un enriquecemento”, xa que achegou información dende moitos ámbitos.
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, amosouse orgulloso de que a cidade fora elixida para acoller este encontro e fixo referencia ao traballo de recuperación do espazo público que se está a levar a cabo nela. Deste xeito, o rexedor definiu a política municipal en materia de mobilidade como “unha continuidade da medicina preventiva posto que as cidades están enfermas” e expuxo datos que avalan a eficiencia deste modelo para deixar claro que “se sabemos que reducir a velocidade implica que se salvan vidas e non o facemos, non estamos exercendo a nosa responsabilidade”.
Juan Francisco Lazcano, presidente da Asociación Española de la Carretera, destacou que "a humanización das infraestruturas é un concepto amplo que vai da man da mellora da sostibilidade das vías provinciais desde a perspectiva medioambiental; do incremento dos niveis de seguridade viaria e dos desenvolvementos tecnolóxicos orientados a dixitalización das estradas".
Na última xornada do congreso abordáronse en primeiro lugar “Os principios do Sistema Seguro adaptados á rede local”, cunha conferencia sobre os bos resultados da mellora na sinalización horizontal, reducir carrís con rotondas ou outros elementos en entradas e poboacións que a superar a errónea idea de reducir só a velocidade.
A última sesión, baixo o título de “A necesaria adaptación dixital das redes locais: MRR”, puxo o foco sobre o gran reto da xestión das estradas do século XXI, e presentáronse os pasos a seguir nesa dirección cara a chegar a un escenario de dixitalización real tanto dos procesos das administracións, como dos servizos e mercados que é posible aportar á cidadanía.
Relacionadas:
-
RADIO.- O xornalista Lois Oreiro apela con 'Os mundos de agora' ao ser e estar en persoa
Por Marisa Ciordia |
-
3.000 citas foron xestionadas entre 160 empresas de Madrid e Valencia para promover as Rías Baixas
Por Redacción |
-
O Goberno apela desde Pontevedra a "no aplazar más" o pago da taxa de uso nas autovías
Por Alejandro Espiño |
-
A Deputación, anfitrioa do 25 Congreso Vyodeal, que reunirá en Pontevedra a expertos en mobilidade
Por Natalia Puga |