Pizza de froitas, torta de castañas e divertidos espantallos, no vindeiro Ganapán
Por Redacción
O programa de animación e lecer infantil O Ganapán, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo no primeiro andar do Mercado de Abastos, desenvolverá esta fin de semana unha nova oferta de talleres nos que os máis pequenos poderán amosar a súa creatividade e as súas habilidades culinarias.
O sábado 23 de outubro, no Espazo Gastro, os rapaces terán ocasión de elaborar unha receita de pizza de froitas, diferente, colorida, saudable e divertida, mentres que no Espazo Crea confeccionarán boliñas antiestrés perfectas para aliviar tensións e eliminar nervios.
O domingo 24 empregarase un produto de tempada outonal como a castaña para preparar ricas e enerxéticas tortas e deseñar adorables espantallos.
Os nenos de entre 4 e 10 anos interesados en participar poderán reservar praza de balde no correo electrónico oganapan@gmail.com, inscribíndose antes das 16:00 horas do día anterior ao da celebración dos obradoiros. As actividades realizaranse en dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:30 horas, sendo moi aconsellable levar friameira para regresar a casa coas receitas elaboradas.
PONTEANDADAS
O éxito de convocatoria do programa municipal Ponteandadas 2021, impulsado pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde, repítese. A ruta prevista para o vindeiro domingo 24 de outubro no parque forestal da Fracha volveu completar o máximo de 200 prazas ofertadas.
A iniciativa inclúe no seu calendario unha camiñada polo encoro do Pontillón do Castro o 7 de novembro e outra polo parque forestal da Tomba o 21 de novembro. Todos aqueles interesados en participar poden xestionar as inscricións coa firma Naturgaliza a través da dirección de correo electrónico ponteandadas@gmail.com ou o whatsapp 625 48 26 36, establecéndose tamén nestes casos un máximo de 200 prazas por roteiro.