A Valedora do Pobo comprométese co BNG a investigar a situación sanitaria de Poio
Por Redacción
Representantes do BNG de Poio mantiveron unha reunión coa Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, na que obtiveron o seu compromiso para iniciar unha investigación para estudar a denuncia presentada polo formación nacionalista en relación coa "situación crítica" na que se atopa a atención primaria no municipio.
A formación nacionalista informou a través dun comunicado da reunión e do compromiso adquirido pola Valedora do Pobo, na que lle relataron as consecuencias para a veciñanza de non cubrir de forma permanente unha praza de médico que atende a 1.500 pacientes nos centros de saúde de Anafáns e Combarro.
Segundo informou o BNG, na actualidade hai un médico para atender a 1.500 persoas de dous cupos que se amortizaron nunha soa praza hai xa varios anos. A principios do presente ano, a facultativa que atendía os centros de Anafáns e Combarro trasladouse a outro municipio, e o Sergas non cubriu a praza, provocando listas de agarda de máis de vinte días para unha cita médica.
Na actualidade, segundo o BNG, as listas de agarda sobrepasan os vinte días, os cupos están "desbordados" e "a escaseza de persoal sanitario é manifesta".
A responsable local do BNG, Marga Caldas, cualifica situación actual de "vulneración do dereito protección da saúde das persoas" e demanda o dereito á protección da saúde e a unha atención sanitaria digna, demandando a cobertura do persoal "de maneira permanente e estable".
Caldas manifestou a súa esperanza de que o proceso de investigación aberto pola Valedora do Pobo sexa un "primeiro aviso" á Xunta de Galicia, para que "cumpra dunha vez por todas coa súa obriga de garantir unha atención sanitaria digna para todos os veciños e veciñas de Poio".
Relacionadas:
-
O BNG defende a sanidade pública cunha concentración no centro de salud de Anafáns
Por Redacción |
-
O BNG demanda medidas urxentes ante o "grave colapso sanitario de Poio"
Por Oskar Viéitez |
-
A situación sanitaria de Poio volve ser escenario para a confrontación política
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello reclama de novo medidas urxentes na dotación de recursos sanitarios para Poio
Por Redacción |
-
BNG e Sergas discrepan sobre a calidade do servizo de Atención Primaria en Poio
Por Redacción |
-
O BNG leva novamente ao Parlamento a "grave situación" do Centro de Saúde de Anafáns
Por Oskar Viéitez |