O Viveiro de empresas reabre con só duas propostas
Por Oskar Viéitez
O prazo de presentación de solicitudes para entrar no viveiro municipal de empresas da rúa de Santa Clara concluíu coa entrega formal de só dúas propostas.
Nos últimos días máis dunha ducia de emprendedores mantiveron contactos coa Concellería de Promoción Económica, pero, finalmente, a maioría deles non lograron entregar a documentación necesaria.
Os proxectos empresariais que, ata o momento, cumpriron cos requisitos son os da asesoría de consumo Emma Verdes e Sociedade Xestora Interortho. O primeiro está soportado por unha emprendedora e o segundo, por tres emprendedores pontevedreses.
A instalación municipal constará dunha sala de xuntas e seis módulos para os despachos dos emprendedores, polo que aínda hai catro vacantes.
Os concesionarios beneficiaranse non só dun prezo simbólico para a utilización dos espazos, senón tamén de asesoramento empresarial e de diversos servizos comúns.
A concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, anticipa que en breve estarán cubertos os seis locais existentes, porque dá por feito de que varios dos emprendedores que non chegaron a presentar oferta no prazo habilitado, farano nas próximas semanas. Ademais agárdanse tamén novas propostas.