O avance do novo catálogo do Concello de Pontevedra rexistra máis de mil elementos a conservar só no rural
Por Redacción
O equipo redactor do novo Catálogo de edificacións e elementos a conservar da cidade e do rural de Pontevedra, Cartafol.Arc (UTE), vén de rematar a primeira fase do traballo cunha batida de campo na que se recolleron máis de 1.000 elementos patrimoniais a conservar só no ámbito rural do concello e 1.887 hórreos susceptibles de ser protexidos.
Cabe lembrar que o catálogo do Concello de Pontevedra, que foi aprobado no ano 1994 recolle 88 fichas catalogadas no rural, e 71 no ámbito urbano. Ben é certo, que nos últimos anos o Concello xa estaba a traballar tanto coa relación da Xunta de Galicia (con pouco máis de 100 elementos a conservar) así como a listaxe achegada no ano 2004 no proceso de elaboración do Plan Xeral, que non chegou a ser aprobado.
O concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda explicou este mércores que esta semana mantívose unha reunión co equipo redactor no que se avaliou o informe ambiental estratéxico aprobado recentemente ao reducirse os prazos por ir por tramitación simple, e tamén se avaliaron os BICs de concellos limítrofes xa que as súas áreas de protección teñen que estar recollidas no novo catálogo. Analizouse o trazado do Camiño de Santiago Portugués e acordouse elaborar unha listaxe de muros tradicionais para cumprir a obriga da Lei do Solo de protexer estas construcións.
A decisión do Concello foi identificar estes muros so en núcleo rural “que son os que teñen máis problemas á hora de dar licenza”, explicou o concelleiro, dado que non teñen obriga legal de recuamento á hora de outorgar as licenzas. Ademais, acordaron fixar uns criterios xerais para posibles muros en solo rústico.
No primeiro traballo de campo, o equipo redactor detectou máis de 1.000 elementos patrimoniais susceptibles de ser catalogados só no ámbito rural, quedando pendente todo o ámbito urbano.
Nesta primeira fase tamén detectaron 1.887 hórreos e 118 máis que están en estudo para determinar se son tradicionais ou non. Tamén se acordou que no seguinte paso, de documentación in situ de cada elemento a catalogar, se observase o estado dos cruceiros para detectar se teñen risco de derrube. De ser o caso, notificaranllo ao Concello para que planifique unha conservación de urxencia.
A última fase será a de prospección, achegándose a cada elemento patrimonial para referencialo graficamente e xeolocalizalo. A data de entrega do documento final é o 23 de marzo de 2022.