Os comerciantes da Parda piden a colaboración do Concello na dinamización do barrio
Por Redacción
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, mantivo este xoves na Sala de Xuntas do Concello de Pontevedra un encontro con membros da directiva da recentemente conformada Asociación de Profesionais e Pequenos Empresarios de A Parda (Apep), que aglutina nestes momentos a uns 25 establecementos do contorno do barrio pontevedrés (aínda que tamén contan con algún asociado doutros puntos da cidade).
Na reunión participaron o presidente, Manuel López, e a secretaria da asociación, Nuria Nerga que demandaron a colaboración da Concellería de Promoción Económica en accións de lecer infantil e dinamización de rúa que Apep quere desenvolver no barrio.
En concreto, tal e como explicou a concelleira do PSOE, "plantexouse a posibilidade de levar á Parda unha serie de actividades coincidindo coas datas do Samaín e, en especial, para a campaña de Nadal, falándose mesmo dunha visita de Papá Noel para que os nenos e nenas do barrio lle poidan trasladar de primeira man as súas peticións".
Manuel López lembrou que A Parda "é unha zona da cidade en plena expansión, que conta con moitos servizos e establecementos que levan moito tempo e que, nalgúns casos, son bastante descoñecidos".
"O barrio está tamén crecendo a nivel de baixos comerciais e a nosa asociación tamén está en pleno crecemento, polo que as accións de dinamización e o apoio do Concello resulta esencial para dar a coñecer e poñer en valor a variada oferta comercial que temos", subliñou o presidente de Apep.