Mellorar a escola infantil de Vilaboa terá un custe de 22.500 euros
Por Redacción
A escola infantil de Vilaboa someterase a unha reforma para mellorar as condicións deste centro que pertence á rede pública autonómica cun investimento de 22.500 euros.
Este xoves, o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitaba as instalacións acompañado por César Poza, allcalde de Vilaboa.
A intención destas obras é que as instalacións sexan "cómodas" e queden en bo estado e con calidade. Está previsto que se cambie o valo do inmoble e reformarase a porta da aula para menores con idades comprendidas entre 1 e 2 anos. Tamén se renovará o chan do parque infantil do patio interior cunha estrutura de PVC flotante, que aumentará o illamento acústico, térmico e de humidades, segundo indica a Xunta.
A zona de xogos exteriores tamén será reformada coa instalación de novos utensilios que substituirán aos elementos deteriorados. Todas as obras foron postas en común coa comunidade educativa e contan coa supervisión dos servizos técnicos do Consorcio e municipais.
A Xunta financiará preto do 60% das obras mentres que o resto correrá a cargo dos fondos propios do Concello, que tamén asumirá a execución dos traballos.
Esta escola infantil conta con tres unidades en funcionamento e con 36 escolares de 0 a 3 anos matriculados. A partir do curso 2022-2023 a atención educativa será gratuíta neste centro despois de que a Xunta de Galicia decidise aplicar a gratuidade xeral da educación infantil en todas as escolas públicas, as de iniciativa social, as privadas e as pertencentes aos Concellos, que se atopan ao corrente do Consorcio.