Chega o Samaín Fest, festa herdeira de San Patricio para recadar fondos para o Mareantes Rugby Club
Por Redacción
A praza de España de Pontevedra acollerá entre o mércores 27 de outubro e o luns 1 de novembro o Samaín Fest, unha festa herdeira do tradicional San Patricio organizado polo Mareantes Rugby Club e que busca axudar a recadar fondos para o seu funcionamento habitual.
O Mareantes Rugby Club Pontevedra tivo que suspender as dúas últimas edicións da tradicional festividade de San Patricio por mor da pandemia da covid-19 e agora que a situación sanitaria mellorou, decidiu poñer en marcha este Samaín Fest, no que haberá música, unha variada oferta gastronómica e cervexa, servindo rubia, tostada e a clásica Guinness negra.
O festival está organizado coa colaboración da Concellería de Promoción Económica e Turismo e animará a ponte de Defuntos. Un dos seus principais atractivos serán os concertos diarios protagonizados por grupos locais. Nesta liña, o a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, sinalou que "nun ano no que a cultura o pasou tan mal resulta especialmente importante botarlles unha man, potencialos e axudarlles a que teñan actividade e a que a xente escoite a súa música".
Yoya Blanco destaca que o evento pasa a ser "un grande exemplo de compromiso co talento local e a cultura desta cidade. De feito, mesmo o cartel do festival foi elaborado por un artista local, o pintor, debuxante e caricaturista Rafa Prieto.
O programa recolle as actuacións de Le Tissier (mércores 27), Desconcerto (xoves 28), Gran Garaje (venres 29 ás 20:00 horas), Sr Nilson (venres 29 ás 22:00 horas), Jugones (sábado 30 ás 20:00 horas), Algo Pasa con Mary (sábado 30 ás 22:00 horas), Toniscash (domingo 31 ás 20:00 horas) e Son das Tabernas (domingo 31 ás 22:00 horas).
Ademais, a proposta de concertos podería ampliarse o luns 1 de novembro, xornada de clausura na que a carpa pechará ás 18:00 horas e para a que se baralla a posibilidade de realizar unha sesión vermú patrocinada por Cinzano.
A concelleira destaca a importancia deste evento para a economía do Mareantes Rugby Club, pois permite recadar "fondos imprescindibles para un club tan senlleiro" e o presidente do Mareantes, Roberto Juncal, engade que este Samaín Fest resulta "esencial para o club", que o organiza co obxectivo de financiar os gastos da tempada e, sobre todo, o seu "ilusionante proxecto de escolas de categorías inferiores, no que estamos cen por cen envorcados, que xa conta cuns 50 rapaces e do que vai depender o futuro e viabilidade do equipo a medio e longo prazo".
A vicepresidenta do club de rugby, Rebeca González, anima a toda a cidadanía de Pontevedra a que se achegue ata a Praza de España para gozar dun festival que se levará a cabo "coas máis estritas medidas de seguridade e a maior das cautelas”.
Relacionadas:
-
O Samaín Fest, animación para a ponte de Defuntos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Os coles de Marín prepáranse para vivir un Samaín terrorífico
Por Redacción |
-
Aprazan o Festival de San Patricio e os actos do Entroido de Salcedo
Por Redacción |
-
O Pontevedra Rugby Club certifica a permanencia na LGR1
Por Redacción |
-
O verde de San Patricio tingue desde este xoves a Praza de España
Por Redacción & Mónica Patxot |